Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Presidentes por accidente

Con certeza que han de ser uns cantos —ou bastantes— aqueles de entre os, sempre moi amables, lectores destas páxinas semanais que estean xa ao cabo da noticia. Mesmo até devén posible aínda que algúns/algunhas respondesen así mesmo ao singular inquérito. Mais sexa como fose, velaquí a nova á cal nos estamos a refeir: pois é o caso de que, tras efectuar un total de 1202 entrevistas telefónicas nos primeiros días do mes que xa rematamos, o sondeo “Líderes alternativos”, levado a termo por parte da empresa Opina 360, vén revelar que, se ben o presentador televisivo David Broncano, o artista marcial Ilia Topuria e mais a actriz Najwa Nimri nunca se configurarían como triunfadores na hora de competiren con Pedro Sánchez pola presidencia do goberno das Españas eis, no entanto, que a banqueira Ana Botín e, especialmente, o presidente do Real Madrid, Florentino Pérez, si que derrotarían o actual inquilino da Moncloa en semellante, hipotética, confrontación: un 47,2% fronte ao 46,6% no caso da presidenta do Banco Santander, e un 44,6% diante dun 43,1% se o candidato resulta ser o líder do club merengue. O país dos cartos e mais o país do fútbol —e de novo dos cartos— sempre á frente.

Como non podía ser menos na gran rede social destes tempos impíos e revoltés que nos toca habitar, toda un feixe de expertos analistas de garda, observadores politólgos ao servizo da causa mediática, gurús de diversa condición, (para)psicólogos cool, influencers ad hoc e videntes varios foron emitir decontado as súas ineludibles opinións. O resultado das mesmas coclúe, desde logo, moi inquietante e, claro é, en perfecta consonancia con esta xeira trumpista-apocalíptica na que nos vemos mergullados día si e noite tamén. Daquela e segundos os tales, semellantes datos apuntan a que a antipolítica está a consolidarse, si ou tamén, entre nós como unha corrente larvada e en aumento decote, nunha parte considerable do electorado. Diante do descrédito dos profesionais da cousa pública, viría acontecer, en consecuencia, que esas figuras, poderosas pero alleas —alleas en teoría, coido que cómpre matizarmos a cuestión— ao poder político, si que reflicten unha idealización por parte dun certo número de concidadáns que acaso buscan nelas identidades perdidas, (suposta) independencia ideolóxicas e/ou certificados, diplomas de autenticidade.

En fin; non vai ser, desde logo, este cronista quen lles leve a contraria aos entendidos e peritos. No entanto, e coa licenza de Vdes., si que quixera, con todo, engadir algún pequeno matiz ás apreciacións vertidas.

Por exemplo, no caso da Sra. Botín coido que cabe pensar que, considerando que se trata non só da presidenta do Santander senón aínda membro do consello de administración de Coca-Cola e unha das dez mulleres máis poderosas do mundo —Forbes dixit—, as boas xentes veñan entender que non tería ningunha necesidade Dna. Ana de enlamarse en mordidas, falsos pactos con inspectores de Facenda e fiscais, corruptelas varias... E é que o que sexa por mor de “pelas”, tal semella que a ilustre dama vaia máis que sobrada. Xa que logo, postos a confiarmos os nosos impostos e demais a alguén, tal parece que con ela non se vaian esvaer no aire nin que koldos e/ou miguelángeles rodríguez poidan atrapallar tampouco á súa beira. Parafraseando a copla, “un euro es un euro y a ti te encontré en la calle.”

Doutra banda, como sentenciou Carl von Clausewitz na segunda parte —inédita, claro é— do seu célebre tratado Da guerra, coñecido é que o fútbol, en realidade, constitúe a continuación da política por outros medios. Daquela, quen máis entendido en propiciar/evitar penaltis e fóras de xogo, aupar/degradar árbitros, manexar con “salero” as imaxes do inefable VAR..., converter, chegado o caso, o palco dun estadio nunha alternativa real ao Foro de Davos..., máis que a figura senlleira de D. Florentino Pérez, líder induscutible e indiscutido do Madrid, Madrid, “noble y bélico adalid, caballero del honor,a vencer en buena lid”? Certamente, con Dani Carvajal como ministro de Defensa e Kylian Mbappé ao mando da Lexión Estranxeira, a ver quen se atravería a tusirnos polo mundo adiante!

“Presidentes por accidente”, obxectarán algúns e engadirán aínda que se todo o anterior conforma sabedoría, tal non é popular. E se é popular, non pode ser sabedoría, pero... e que saberán eles, semellantes elitistas?

Tracking Pixel Contents