Opinión
Transición e transacción
Da mesma maneira que o entomólogo ten que saír da aula para contemplar os insectos no seu medio natural, tamén os filólogos deben saír á rúa para afondar na historia das palabras e para acceder aos secretos que ocultan no seu seo. De especial interese son aquelas palabras que se repiten constantemente sendo pertinentes para a comprensión da cultura dunha época. Son, en definitiva palabras «clave» ou «testigo» que deberían ser estudadas e tratadas con especial coidado para evitar a súa deturpación e desgaste, ocasionados polo uso excesivo, non sempre rigoroso. Neste perigo están, entre outras moitas, as voces ‘transición’ e ‘consenso’, tan definitorias da cultura política española entre 1975, morte do ditador, e 1978, aprobación, por referendo, da Constitución actual. Na lexicografía galega ambas palabras, non documentadas antes de 1920, son un exemplo da dependencia absoluta da nosa lexicografía dos dicionarios españois. Así o transmite a acepción 1 da voz ‘transición’ («Paso dun estado a outro, dunha situación a outra etc., sen cambios bruscos») recollida no Portal das Palabras onde o engadido «sen cambios bruscos» tingue a palabra coas connotacións ideolóxicas coas que a vistiu a política española. Como se as transicións non puidesen ser bruscas, violentas ou surrealistas. En definitiva, unha concesión ideolóxica a unha palabra sacralizada por intereses políticos, algo moi dado en determinadas culturas e que teñen a súa orixe na tendencia relixiosa a dogmatizar a moral e os comportamentos sociais, signo inequívoco de intransixencia social. Un exemplo desta circunstancia témolo na tendencia gráfica dos últimos anos que nos presenta esta palabra devandita escrita con maiúscula, Transición, para referirse ao período posterior á morte de Franco e singularizar este período como exemplar na vida política de España. A violencia semántica que se exerce con esta palabra podería ser un paradigma dos intereses de todo tipo que se arremuíñan arredor da mesma e que están presentes en todos os ámbitos. Chegou esta mesma semana ás miñas mans, por erro inducido polo seu subtítulo, un libro da autoría de Juan Francisco Fuentes (Hambre de patria. La idea de España en el exilio republicano, Arzalia ediciones, 2025) que moi ben podería ser exemplo do que pretendemos denunciar. A tese da publicación parte da cita atribuída ao deputado liberal Romero Alpuente («la guerra civil es un don del cielo») en 1821 e que recorre o libro como unha especie de maldición bíblica que marca definitivamente a política española a través das guerras carlistas e da moi convulsa política española ata desembocar na proclamación da Segunda República e conseguinte guerra. A partir deste momento os sucesivos capítulos do libro tratan de xustificar, tomando como documentación canónica as relacións epistolares de significados republicanos exiliados —Azaña, Araquistain, Largo Caballero, Negrín, Max Aub, León Felipe, etc.— que a transición comezou cando estes escritores e políticos se decataron dos seus excesos e pediron «perdón e reconciliación». Centra nestas testemuñas epistolares un desexo de rectificación da historia reivindicando o pactismo e denunciando a «bolchevización» de España á que estes personaxes contribuíron erroneamente. Silencia o ilustre catedrático, interesadamente, que a Constitución de 1931 encerra o máis importante pacto polas libertades de toda a esquerda española. Foi esta Constitución republicana posible polas moitas renuncias e pactos racionais con que foi construída. A idea monocorde que transmite esta obra do profesor Fuentes non concorda coa lóxica pluralidade de visións que sobre este período se proxecta no mundo exílico, tan alongado, disperso e diverso. O patriotismo dos exiliados quedou acreditado na súa defensa dos valores democráticos e na denuncia da represión; en segundo lugar, o patriotismo estaba tamén na permanencia dun discurso alternativo á ditadura; tamén era defensa do patriotismo a superación das grandes diferencias entre os desterrados onde para os independentistas vascos, cataláns e galegos a súa patria non é España, así de claro e de lexítimo. O recurso a determinados ritos e celebracións ou a nostaxia consabida de todo exiliado, tan criticadas desde o franquismo, non invalida o patriotismo, polo contrario contribúen a facelo presente. Este tipo de opinións son as que contribúen a dogmatizar a transición cando esta non foi outra cousa que unha transacción que nos está a crear actualmente graves problemas de convivencia.
- Cambio de rumbo para las cabañas turísticas de Bueu, que salen a la venta
- Al menos cinco personas estafadas en el área de Vigo por una oferta de empleo publicada en Milanuncios
- Davila 09/12/2025
- Las denuncias al presidente de la diputación de Lugo por acoso sexual: «Me dijo que debía acostarme con él si quería ser funcionaria»
- Davila 10/12/2025
- Acoso en las redes y amenazas a una peluquería canina de Bueu por la muerte de un perro
- Sandra Osorio, la campeona de España de pesca submarina que aprendió sola en Vigo: «Era un deporte de hombres y nadie quería venir conmigo»
- Vigo cambiará todas las placas de sus calles, pero ¿qué ocurrirá con las que tienen valor histórico?
