Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Furtivos are coming

Praceres sinxelos do outono na costa son: sentar nun rochedo a pescar, quedarse apampando fronte ao azul inmenso, estirar as pernas pola praia ou flipar co desfile de furtivos carrexando centolas. Na verdade, os tres primeiros desfrútanse durante todo o ano. É o cuarto, o que resulta unha rareza dos últimos meses con «r». Si, un insólito espectáculo, contemplar desde o paseo marítimo eses baldes ateigados de crustáceo vermello. Ás veces pasan ás agochadas: por riba vai un traxe de buzo, uns plásticos e só prestando atención reparas que algunhas patas -tentando fuxir do enmalle- delatan o contido. Outras non, a panda carreta nos capazos sen preocuparse de disimular o que levan dentro.

Estas liñas poderían servir para cavilar sobre o espolio da nosa riqueza mariña, afear o desinterese das autoridades competentes para atallar o problema ou dar as queixas por estes saqueadores de auga salgada, coa insignia pirata tatuada na furgo. Pero non. A reflexión, por obra e gracia das casualidades, é para a man que move o negocio. E é que estando no coche con P., agardando a que escampara o chuvasco, reparamos no vehículo onde marchaban as centolas. E decidimos seguirlles o rastro. Pura curiosidade por descubrir a tobeira de Alibabá... Ao final pouco misterio. Non había tal cova!, era a parte traseira dun establecemento de moito chufar. Un daqueles onde as contas son a partir da centena (de euros), e os camareiros do Perú, as cociñeiras arxentinas e o metre de Arteixo, a piques de xubilarse. Con cara de parvos pensamos: canto custa frear determinados comportamentos se ao final do novelo agarda un sobre con cartos (negros).

Nun recente estudo, as universidades de Birmingham e Múnich, atoparon unha curiosa relación. Investigando a actitude dos británicos brancos cara ás persoas migrantes, descubriron que aqueles que consumían —de xeito cotiá— comida da cociña tailandesa, india, turca, mexicana,... tiñan unha alta probabilidade de empatizar cos «de fora» e tamén unha menor identificación cos partidos xenófobos e os políticos ultras. A boa disposición para descubrir unha cultura gastronómica diferente, estaba correlacionado cunha mellor receptividade cara as xentes doutros países. Interesante, si. Se cadra, aquí, cando as tres universidades rematen co culebrón anual da facultade de medicina, poderían analizar a estes señoros que mercan aos furtivos. Os que sempre botan chispas pola barbaridade de I.V.E. que pagan, disque asfixiados cos trimestres do I.R.P.F. e maldicindo que os seus impostos vaian para «paguitas» aos de fora. O estudo podería indagar se estes que van ao mercado negro (e por extensión: pagarán as horas extras en B, farán contratos de media quenda aos da xornada completa e outras lindezas contables) se cadra son os que máis defraudan ao fisco. A correlación? Evidente!, cando moito berran, algo ocultan.

Tracking Pixel Contents