Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Non nos moverán

Cada 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as mulleres, o mundo volve mirarse nun espello incómodo. Nel reflíctense millóns de historias de mulleres que padecen a violencia machista estrutural. Historias de mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas, de mozas captadas polas redes de prostitución, de nenas expostas á pornografía ou á trata, de corpos convertidos en mercadoría, corpos hipersexualizados, cousificados.

Pero tamén se reflicten as voces de quen non se resigna. Voces que seguen saíndo ás rúas, que levantan a voz contra a violencia machista. Voces que repiten, coa forza da memoria colectiva e da convicción feminista: non nos moverán.

Non nos moverán ante a defensa da vida, da liberdade, da igualdade e da dignidade das mulleres. Non nos moverán do empeño de construír unha sociedade sen violencia nin dominación. Non nos moverán da loita contra todas as formas —vellas e novas— de desigualdade e violencia patriarcal que padecemos polo feito de ser mulleres.

Vivimos nun tempo paradoxal A igualdade formal avanza, sobre todo nos países democráticos: hai máis mulleres na educación, no emprego, na empresa, na cultura, na política pero, ao mesmo tempo, xorden discursos que pretenden disfrazar de liberdade o que en realidade é dominación.

Dinnos que elixir vender o noso corpo é «empoderamento», que a pornografía é «diversión», que a prostitución é «traballo sexual». Intentan convencernos de que as mulleres podemos decidir. Sen recoñecer que a inmensa maioría desas supostas decisións tómanse desde a imposición, a pobreza, a vulnerabilidade e a coerción. A mal chamada industria do sexo é hoxe unha das máis lucrativas do planeta. Move miles de millóns de euros a costa dos corpos de mulleres e nenas.

Que liberdade hai na explotación? Que consentimento na desigualdade? A prostitución e a pornografía son as dúas caras da mesma moeda: ambas normalizan a idea de que as mulleres existen para satisfacer desexos alleos, ambas deshumanizan. Cando unha sociedade tolera que unha muller sexa comprada, alugada ou usada, abre a porta a todas as demais violencias.

Por iso o feminismo teno dito con claridade: a explotación sexual non é un traballo. É unha forma extrema de violencia patriarcal.

E, certamente, non toda a violencia é visible na sociedade. A cousificación, a mercantilización dos corpos das mulleres, a mirada que nos reduce a unha aparencia moldean o imaxinario colectivo, lexitima a desigualdade e a violencia que sufrimos polo feito de ser mulleres.

Vivimos rodeadas de imaxes que venden corpos femininos como reclamo: na publicidade, nas redes sociais, na música, nos videoxogos, nos medios. Unha estética que se impón como un modelo, unha mirada que fragmenta e despoxa de humanidade. A cousificación converte as mulleres en obxecto e quen mira un obxecto, non o respecta nin o considera igual.

Por iso, cando defendemos a dignidade do corpo feminino, falamos de dereitos humanos. O corpo non é un obxecto, nin un territorio de conquista, nin un escaparate de aprobación social. É o primeiro espazo de liberdade; sen liberdade corporal, non hai igualdade posible.

Fronte á violencia e á explotación que se exerce sobre os nosos corpos ergue a voz o movemento feminista. A voz da resistencia das mulleres. As voces de quen se negan a ser silenciadas, das que ergueron as primeiras casas de acollida, das que loitaron pola Lei Integral contra a Violencia de Xénero, as de quen se declaraba abolicionista da prostitución, as das supervivintes que alzan a voz para dicir «eu non elixín isto», as das que se opoñen aos ventres de alugueiro, á pornografía, á hipersexualización e cousificación dos corpos das mulleres.

Aí están. Aí estamos. Aí seguimos. Non nos moverán da defensa dunha vida plena e libre de violencia para as mulleres. Non nos moverán da defensa dunha vida plena e libre de violencia para as mulleres.

Non nos moverán da idea de que os corpos das mulleres non se compran, non se usan non se maltratan.

Mentres exista unha soa muller sometida á explotación sexual, unha nena cousificada, hipersexualizada, unha moza atrapada nas plataformas como Onlyfans, unha muller maltratada, un corpo entendido como elemento de reprodución para satisfacer desexos alleos, o feminismo seguirá sendo imprescindible.

Non nos moverán do compromiso coas que xa non poden falar, coas que seguen atrapadas e oprimidas. Non nos moverán.

Tracking Pixel Contents