Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Menos mal que nos queda Orfidal

Desde fai varios anos España lidera o consumo de ansiolíticos. Un primeiro posto difícil de perder porque segundo o informe de 2024 do INCB (en galego: Xunta Internacional de Control de Narcóticos, dependente das Nacións Unidas) aquí os psicotrópicos despáchanse «a paladas». As cifras de consumidores aumentan sen parar, e isto a pesar do control sanitario, porque estes medicamentos só se venden baixo prescrición médica e en farmacias. Co cal tampouco é que se falseen as receitas, mais ben ao contrario, a vida trátanos tan mal que a saída máis decorosa é peregrinar ata o médico de familia e pregar por un blíster do «noso diazepam de cada día». Por sorte, un paquetiño de Orfidal, con 50 comprimidos, andará polo prezo dun café. Así que dosificando con tino, case aguantas un par de meses sen pisar a botica. Máis barato imposible.

Ese miligramo de lorazepam máxico que se agocha en cada copo branco é un dos grandes inventos da nosa época. É o perfecto interruptor a esa chuvia de inquedanzas, desexos, medos e angurias que te asaltan non sabes moi ben como, pero que te impiden vivir con normalidade, que te afunden. É coma se viñeran mil problemas, todos a un tempo e en todas partes, e ti bloqueado sen saber por onde atallar. Por iso, velaquí o milagre químico para baixar as revolucións, apagar o runrún e atopar o camiño. Que dito así sona moi «zen» pero é tal cual. Unha pílula diaria e... benvido mundo feliz! Incluso, se a xornada foi dura, dose dobre. Causa adicción? Pois coma o zucre, as cañas, os ultraprocesados ou as redes sociais. Pero nada logra desenchufarte así, amencendo á mañá seguinte con enerxías renovadas para regresar ao «tostadero».

Claro que podes facer ioga, concentrarte no aquí e no agora, tamén tomar clases de crossfit, de hit, de zumba, de kick-boxing ou bailes de salón, podes treinar para unha maratona, facer escalada, xogar ao padel ou dar longas camiñadas... pero é tan cansado... que fronte a ese carameliño insignificante, tan etéreo, é difícil competir. Xaaa, poderíamos ser coma Xapón. Alí consumen menos ansiolíticos, tamén é certo que eles teñen o Karoshi. Non, non é un remedio milenario da cultura budista. Karoshi é a desconexión eterna. Morrer exhausto polo traballo. Parece un chisco esaxerado pero desde 1987 está recoñecido coma accidente laboral polo Koro-sho, o Sergas nipón. No fondo, é a tormenta perfecta da cultura currela dos xapos. Esa devoción polo laburo, con longas xornadas e moitas horas extras, que acaba provocando estrés, depresión, insomnio... ata que a palmas, e amén.

A verdade, adicto e inconsciente, prefiro seguir co meu Orfidal antes que deixar este mundo. De feito, debo ir pola consulta que o Nadal se achega.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents