Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | De bolina

De cara ao sol

Teño de confesar que desde a miña infancia e deica á hora presente sempre fun —e teño a intención de continuar a selo— un lector convicto de tebeos. Ou de cómics ou da BD, como Vdes. prefiran denominalos: Tintín, Astérix, o tenente Blueberry, Corto Maltés, Jérôme K. Jérôme Bloche, a Persépolis de Marjane Satrapi... pero así mesmo Mordadelo e Filemón, 13 Rúe del Percebe, Lupo Alberto... Asemade Anacleto, agente secreto ou La familia Cebolleta da autoría do xenial Manuel Vázquez.

«¿Te he contado ya aquella vez en que yo, al frente de mis cipayos, irrumpí en la batalla de...?». Certamente, coido ben que a maioría de entre os —sempre moi amables lectores destas crónicas semanais— son xentes adultas e/ou ben adultas. No entanto, e en consideración á posibilidade de que xentes máis novas poidan achegarse ás presentes liñas, non quixera ir caer, precisamente, no relato de pequenas escaramuzas vitais, cal un avó Cebolleta calquera. Mais vén a conto todo o anterior porque velaí que nestes días —nos que se cumpren, como é ben sabido, cincuenta anos da morte de Francisco Franco—, os diversos medios de comunicación anuncian urbi et orbi que até un 20% de españois e españolas consideran, polo visto, que a etapa franquista foi «boa» ou incluso «moi boa». Unha cifra que se repite, ademais, cando a enquisa se leva a cabo entre rapaces de 18 a 24 anos, os cales, evidentemente, habitaban daquela nunha galaxia pero que moi afastada de nós. En fin, as noticias e os medios son como son: quero dicir que poderían titular, ao mellor, que «un 80% dos españois considera ‘malos’, ou ‘moi malos’, os tempos de goberno de Franco». Pero, claro é, por que estragarmos un bo titular?

En fin, como xa adiantei, lonxe de min veleidades «cebolletas», pero si que quixera, non obstante, relatarlles aquí e a agora a tutti quanti apenas un par de pequenos episodios persoais. Trátase, pois, e sen máis pretensión, de ofrecer tan só un sinxelo testemuño.

Verán: cando Franco ía camiño de morrer, e tal como eses rapaces das enquisas, citados máis arriba, este cronista andaba entre as 18 e 24 primaveras. Desde logo, si que me declaraba antifranquista nesa xeira. E podería explicar que os motivos de tal militancia radicaban en proceder dun entorno familiar contrario desde sempre á ditadura como que así mesmo xurdían por causa de determinadas lecturas «disolventes», por frecuentar certas compañías dentro do mundo universitario no que me desenvolvía ou aínda, e simplemente, porque andaba a moverme nas coordenadas dun ambiente no que abundaban os e mais as «progres». Porén, se hei de ser sincero, houbo dous episodios moito máis íntimos —se Vdes. queren, mesmo egoístas— que me empuxaron no meu proceder.

Tiña eu naquel tempo uns tíos de meu que emigraran a Inglaterra. Devecía por ir onde eles. Moi singularmente porque a miña ilusión estaba en coñecer Londres pero sobre todo por ter a oportunidade de asistir a un concerto dos meus ídolos musicais. Pois ben; non foi posible. E non foi tal porque aconteceu que non houbo xeito nin maneira de arranxar o pasaporte. En idade militar —e como a tantos outros compañeiros—, xamais me concederon o pertinente permiso. Nin ese nin tampouco, e ignoro realmente o motivo, aqueloutro certificado de «boa conduta». Sen o cal nada había que facer. En consecuencia, as Súas Satánicas Maxestades, The Rolling Stones, non puideron contar coa miña asistencia.

Tamén nesa hora, tiña unha moza pola que ansiaba. Así mesmo, ela anhelaba por min. Secasí, a cousa resultaba ben complicada. Imposible compartirmos cuarto: tan só as parellas casadas —e pola Igrexa católica, non existía o matrimonio civil— eran admitidas nos hostais e hoteis. Polo demais, as farmacias non dispensaban anticonceptivos —prohibidos na lexislación vixente— como tampouco nin aínda unha caixa de preservativos. Arriscarse, entón, e afrontar a posibilidade de acabar casado «de penalti»: tales viñan resultar as regras do xogo.

Ignoro se eses rapaces e raparigas actuais de 18 a 24 coñecen tan sequera relatos semellantes; o curso remata antes de estudaren o tema do franquismo... Non sei; pero si que teño a impresión, así e todo, que, de se veren en experiencias semellantes, dubidarían un tanto antes de se poñeren, como se tal cousa, a cantar cara ao sol.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents