Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Ao pé do Farelo

Ángel Utrera Baza

O sentido da vida

Conforme un vai cumprindo anos, ves como os teus dereitos vanse restrinxindo en función única e exclusivamente da idade que tes, porque xa es maior, ou mesmo vello. Deste xeito prodúcese unha merma invisible da nosa autoestima en función do que podo ou non podo facer.

Cando chega este momento e finalmente nos decatamos e aceptamos esta nova realidade, pensar, reflexionar ou mesmo recordar acertos e erros da nosa vida pasada é o que da sentido á vida, aínda que a moderna sociedade do instante vaia contra algo tan lóxico e natural como a reflexión de cada un de nós, con nós mesmos en íntima soidade, o que nos permite analizar o noso presente, coma base do futuro inmediato, descoñecido e ás veces duro de máis.

A carencia permanente del no tempo para pensar convértenos en seres inútiles, inservibles, maiores apartados que xa non poden facer coas súas vidas o que lles pete porque, velaí o típico estereotipo dos tópicos, son xente de idade, maiores, vellos decrépitos e dependentes.

Marcarse e asumir retos, obxectivos, encordios que molestan pero que precisamos para seguir adiante cada día con novos folgos; dependencia física ou psíquica doutros, incapacidade, adaptación, en suma renuncias que resulta imprescindible aceptar como naturais por moito que nos doa, pero nunca como unha imposición desta sociedade insolidaria das présas que nos mira de reollo coma un problema, esquecendo a fraxilidade do sentido da vida co que máis pronto que tarde todos imos ter que vivir e convivir.

Poder dicir cada día: «Por fin pasoume algo interesante e novo», e vivir para desexar sentir novas e fantásticas realidades que dan sentido á vida porque o reto paga a pena e elo sen ter que soportar o insufrible estigma da discapacidade, os límites da vellez, a inutilidade de saberse e sentirse apartado, non por non estar capacitado, senón por ser vello.

Non somos maiores, nin tampouco peores pola idade que temos, aínda que temos que admitir o absurdo de marcarnos metas inalcanzables e imposibles para xente de idade avanzada, si que temos que ser conscientes da falacia na que vivimos, na que as técnicas de marketing, estratexias de vendas, mercados e globalización nos meten polos ollos fantasías de xuventude, imaxes asombrosas de eterna xuventude, a quimera dunha feliz vellez dende o outro lado do espello no que se reflicte a irrealidade dunha xuventude eterna e o desprezo do vello por inservible.

Temos que ser conscientes de que estamos diante de parlanchíns de feira, verborrea e palabrería das grandes corporacións que tan so falan de rentabilidade, beneficios e ganancias, e onde o poder das novas tecnoloxías, a robótica, as máquinas intelixentes, se aunan para acadar unha sociedade dixitalizada na que entre todos normalizamos a idea, estúpida, de que os maiores non podemos aportar nada, porque non a comprendemos ni nos manexamos nela.

Terrible dilema este de vivir tempos nos que a experiencia e sabedoría dos vellos molesta.

Tracking Pixel Contents