Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Segunda feira

Resignificar o MARCO

Coméntase que en Vigo prendeu a idea de converter o vello cárcere e xulgados de Príncipe nun dos chamados oficialmente Lugares de Memoria Democrática. O edificio, que proxectara José María Ortiz y Sánchez, foi inaugurado no ano 1880. A min pareceume sempre unha obra que adopta moi ben o xesto ordenancista propio da época da Restauración. Case cen anos despois, en 1976, e a uns meses da morte do dictador, a cadea, que moitos viguesas e viguesas coñeceron e padeceron durante o franquismo, marchou para a recén creada da Avenida de Madrid. Será algo máis tarde (1987) cando o traslado dos xulgados deixe o edificio baleiro e abandonado a súa sorte. O solar de Príncipe ficou morto. Os ratos facían carreira polos corredores conservados das galerías e os que visitaron naquel entón falan da desolación que producían as celas abertas e valeiras. O madeirame, comesto da couza, «tiritaba bajo el polvo», como escribe Lorca. Foi daquela cando no concello xurdiu a idea disparatada dunha planificación urbanística consistente en derrubar a construción decimonónica, chamando para a ocasión a un arquitecto catalán, Ricardo Bofill, que se encargaría de converter o espazo aniquilado nunha pomposamente chamada «Praza da Concordia». O rexeitamento, a polémica, os exhaustivos informes do arquitecto Xaime Garrido, así como as alegacións presentadas no concello por Suso Costas, de Esquerda Galega, conseguiron frear definitivamente tal manobra especulativa e decídese, por fin, a creación do Museo de Arte Contemporáneo (MARCO) dentro dos muros da vella prisión. Un equipo de arquitectos formado por Salvador Fraga Rivas, Manuel Portolés e Javier García-Quijada realizan unha magnífica remodelación do edificio conservando a singularidade do centro panóptico. Coido que a inauguración do MARCO tivo lugar no 2002. Chegados aquí, parece necesario transmitir, a través do MARCO, un relato veraz dos feitos ocorridos alí a partir de xullo do 36 até a época en que o Caudillo calou para sempre pero non borrou a súa presenza. Desexamos para o MARCO exposicións internacionais e unha colección propia de artes plásticas abundante e valiosa, pero gustaríanos ver, tamén, unha lista alfabética de todas as persoas que pasaron pola cadea de Príncipe, incluídos os que, finalmente, foron executados. O MARCO debe ser, efectivamente, un Lugar en movemento crítico permanente.

Tracking Pixel Contents