Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Voyager

O Grinch reparte amor

Acendeuse Vigo coma se albergase unha colonia de lucecús histriónicos. Desde hai anos prodúceme unha melancolía profunda este momento. Hai etapas en que é imposible evitar que o Nadal acabe contaxiándote a súa euforia: comidas, ceas, agasallos, abetos, homes disfrazados de Papá Noel, carrozas, escaparates nevados, o belén, o concerto de Aninovo, máis agasallos, luces, xente chea de bos desexos, lotaría... Son quince días de amor e dispendio, coma unha pastilla de caldo concentrado. Mais o sentimento muda cando tes que compartir mesa con persoas que non son do teu agrado e, o que debese ser unha festa, acaba transformándose nun calvario. Isto é algo perverso porque, da mesma maneira que a obriga de compartir a intimidade dun xantar ou dunha cea con xente con quen non estás cómoda é un transo agre, tamén o é sentir o peso da soidade mentres, ao teu arredor, observas que todo o mundo está acompañado. Case da mesma maneira, o Nadal empeza a tornarse complicado cando nunha mesa hai cadeiras baleiras e sentes o peso das ausencias. Creo firmemente que as crianzas son as que logran paliar o sentimento insoportable da perda. Alí onde hai un neno existe un motivo para a alegría.

A piques de marchar a Madrid, non podo evitar pensar no espectáculo diario que se repite en loop en Cortylandia. Co que me fascina a animatrónica é curioso o terrorífico que me resulta observar eses bonecos, a música, as caras das persoas que se desfán en aplausos. É o escenario perfecto para unha novela de Stephen King. Se o autor estadounidense visitase a capital nestas datas, no seu seguinte libro un dos bonecos de Cortylandia cobraría vida, sairía do escenario e empezaría a asasinar xente cun machado e unha risa metálica coma banda sonora. Repetín tantas veces que as miñas épocas favoritas do ano son (ou eran) a noite de defuntos e o Nadal, que presentarme agora coma unha especie de Grinch é mesmo divertido.

Por certo, coñecen esta historia de Dr. Seuss? Titúlase “Cómo el Grinch robó la Navidad!”. Publicouse no ano 1957 e, coma todos os contos infantís poderosos, ten varias lecturas. É moi curioso que o Grinch pasara ao imaxinario popular coma unha criatura verde, peluda e perversa que detesta o Nadal. O conto do Dr. Seuss (pseudónimo que empregaba o xenial caricaturista estadounidense Theodor Seuss Geisel, amante das historias rimadas e as trisílabas) agocha unha crítica á concepción do Nadal coma unha campaña comercial, satirizando a quen se beneficia economicamente desta época.

Dr. Seuss era un mestre cos xogos de palabras, por iso as súas obras son tan difíciles de traducir. Ademais da obra xa mencionada, que se pode ler en castelán grazas á tradución de Yanitzia Canetti para Random House, recomendo o xenial The cat in the hat, unha obra que revolucionou o público infantil e chegou a ter unha adaptación para TV a través da CBS, a principios dos anos setenta.

Volvendo ao Grinch, o personaxe é tan poderoso que moita xente ignora que é o protagonista dunha obra literaria infantil. Hai quen o identifica a través do filme de Ron Howard, protagonizado por Jim Carrey e narrado por Anthony Hopkins no ano 2000. Mais a realidade é que detrás do Grinch está o irrepetible Dr. Seuss. E, por que non, tamén estamos moitas persoas que, en ocasións, non podemos evitar sentir que somos un pouco Grinch. Dito isto, ármense de paciencia, de valor e, se poden, de bos sentimentos. Porque o Nadal saca o mellor e o peor, se sabes onde mirar.

Tracking Pixel Contents