Opinión
O ensino público en Galicia
Como pai, como científico social e como profesor dunha universidade pública fago unha valoración positiva do sistema educativo público galego en perspectiva comparada: podemos confiar na calidade e na atención que se da. Por suposto, hai cousas que poderían mellorar e hai que ter a ambición de non estar nunca de todo satisfeitos. Porén, Galicia está entre os mellores sitios de España para formarse. Non quero aburrir cunha marea de cifras, mais algunha é inevitable.
En 2022, o gasto público por alumno en todos os niveis educativos en Galicia foi o quinto máis alto de España, só por baixo de Euskadi e Navarra, que sendo ricas son insolidarias e non comparten cos demais ao abeiro do sistema foral, de Cantabria e de Asturias.
O peso dos concertos educativos e subvencións en Galicia a centros privados está na parte baixa no mapa autonómico. Menos dun oitavo do diñeiro público investido en educación vai financiar centros privados, moi por debaixo do que se fai en Andalucía, Cataluña ou Madrid. E se nos referimos ás universidades, a realidade é que hoxe a privada é marxinal. No curso 2023-2024, menos do 1% do estudantado matriculado.
Os resultados de PISA avalan a calidade do sistema educativo galego. Somos especialmente bos en ciencias e pensamento creativo, e estamos mellor que a media en matemáticas e lectura. Asemade, os rankings universitarios tenden a situarnos na quinta ou sexta posición no mapa autonómico, só por detrás de Madrid, Cataluña, País Vasco e Navarra.
No que atinxe á equidade educativa. Galicia, xunto con Castela e León, salienta dende hai tempo pola súa capacidade de conseguir que o alumnado de contextos desfavorecidos supere os inconvenientes que se derivan da súa situación socioeconómica. Noutras palabras, os resultados educativos dependen máis das habilidades, vontade e esforzo dos estudantes e das oportunidades do sistema educativo que do nivel socioeconómico das familias.
No eido da formación profesional, onde a matriculación duplicou desde 2008, acadando case setenta mil estudantes, cunha taxa de inserción laboral do 85% e do 100% en graos duais; e a rateo de estudantes por profesor, de 9,8, é claramente inferior á media nacional de 11,4.
Finalmente, no eido universitario apelo á miña experiencia persoal: as miñas condicións de traballo e recursos na USC non as trocaría polas de ningunha outra comunidade autónoma, coa excepción das forais e, quizais parcialmente, de Cataluña.
Todo o anterior é compatible coa existencia de problemas e eivas; e situacións nas que os país e os alumnos están desgustados. Desafortunadamente, non pode ser doutro xeito nun sistema con máis de mil centros educativos públicos e 30.000 profesores; igual que temos queixas como clientes de empresas do IBEX-35. Por suposto, eses problemas puntuais hai que detectalos e amañalos, mais non poden arruinar a percepción global do conxunto.
En ensino e en moitas outras cousas, Galicia non é Madrid, nin é Andalucía. Que non nos metan no mesmo saco.
- El buque «Novaya Zemlya» descargará en Cuba tras el veto a hacerlo en España
- «Tuve que renunciar a mucho y adaptar mi vida para conseguir ser jueza»
- El emblemático Hotel Bahía de Vigo renueva su imagen: adiós a los azulejos azules y más de 5,4 millones de inversión
- Retenciones en Vigo: varios autobuses de turistas portugueses complican el tránsito en Beiramar
- El ourensano Diego Fuentes, futuro 'copadre': «Pensé que no tenía por qué ser peor que otro sistema porque al final se trata de conocer a alguien con quien establezcas una afinidad»
- ¿Por qué conviven vecinos y huéspedes en el Hotel Bahía de Vigo?
- Villa Elisa ya es propiedad municipal
- Punto y final a la burla de Cerdedo
