Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Carlos Varela García

Odio e intolerancia nas redes sociais dixitais

As redes sociais convertéronse nun espazo cotián para a expresión e a interacción. Grandes plataformas como Facebook, Instagram ou X permiten que calquera persoa publique contido, opinións e imaxes en segundos, chegando a centos ou incluso miles de persoas. A sociedade contemporánea vive unha época de exacerbación dos discursos negativos, xerando un clima de animosidade que tensiona as colectividades.

Neste sentido, a elección presidencial norteamericana de 2016 xurdiu como unha síntese dos discursos negativos ou discursos de odio.

«Os mexicanos traen drogas e son violadores», son verbas pronunciadas por Donald Trump o día que anunciou a súa candidatura presidencial. Un discurso desta natureza, dirixido a grupos étnicos minoritarios, caracterízase pola imposición dun estigma de perigosidade a esa poboación, ademais de promover a súa exclusión xurido-político-territorial nos Estados Unidos.

A liberdade de expresión é un dos pilares da democracia, é o «can gardián da democracia», en expresión do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Trátase dun dereito inalienable de todo individuo a manifestar seu pensamento sen censura; porén, non é un dereito absoluto é non pode ser invocada para practicar a intolerancia ou prexuízo de calquera orde como tampouco a difamación, a inxuria, a calumnia ou a incitación a calquera forma de violencia.

No ambiente dixital obsérvase o crecemento de discursos de odio, xenófobos, homófobos, racistas e violentos, traendo a reflexión sobre cal sería o papel das plataformas dixitais na difusión destes perfís marcados pola intolerancia e o radicalismo.

Estes discursos producen un «efecto burbulla», buscando o seu recoñecemento por parte de outros suxeitos intolerantes que pensan de forma homoxénea e se opoñen á diversidade e o pluralismo social.

Deste xeito, foméntase un clima de radicalización permanente propiciando que, en torno a calquera tema, se formen dous ou máis bloques de opinión diametralmente opostos, sen marxe para a mediación. A xente rebate, cos argumentos máis simplistas, calquera cuestionamento das súas opinións sobre o tema do día, mesmo se o seu nivel de coñecemento ao respecto é mínimo.

Nun estudo (publicado o 2 de xuño de 2023), un equipo de investigadores da Universidade de California (EE UU) comprobou que os discursos de odio aumentaron un 50% na rede social X (antes Twitter) desde a súa compra por Elon Musk en outubro de 2022 ata xuño de 2023.

Os autores do estudo atoparon un aumento significativo do discurso de odio manifestado como racismo, homofobia e transfobia, xunto cunha maior interacción de usuarios neste tipo de contidos tóxicos.

O modelo de negocio das grandes plataformas dixitais (Google, Meta, TikTok, X, etc.) baséase na intermediación conectando a usuarios, anunciantes, creadores, provedores e consumidores. Os seus algoritmos de recomendación priorizan controversias e interaccións intensas (comentarios, likes, compartidos, reaccións de enfado ou burla) sen importar se xeneran emocións positivas ou negativas.

A controversia entre usuarios sobre temas polémicos ou polarizadores adoita producir máis participación emocional inmediata. O resultado materialízase en máis beneficios e ingresos por publicidade ou subscricións, aínda que se deteriore a calidade do debate.

Tanto a normativa europea (Regulamento de Servizos Dixitais) como a española (Lei de Servizos da Sociedade da Información) consideran responsábeis ás plataformas polos contidos ilícitos vertidos por terceiros na rede, se unha vez notificadas non proceden de modo dilixente a retirar a información obxectable.

Igualmente deben comunicar aos seus usuarios por que eliminaron un contido ou por que restrinxiron o acceso a unha conta. As plataformas teñen agora a obriga legal expresa de proporcionar exposicións claras e específicas dos motivos das súas decisións de moderación de contidos. A Lei de Servizos Dixitais tamén faculta aos usuarios a impugnar tales decisións a través dun mecanismo extraxudicial de litixios.

O tempo dirá se este marco legal europeo, que comezou a súa aplicación extensiva en febreiro de 2024, resulta eficaz para o obxectivo dun mundo dixital máis seguro e inclusivo para todos.

*Carlos Varela García é exfiscal superior de Galicia

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents