Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Magostos, parcelarias e promesas varias

É ben sabido por todos que aquí no país se non hai unha festa gastronómica hai outra, tamén cando empezan as choivas e os días pequenos e fríos. Para facer contrapeso, no outono e no inverno prendemos o lume e arrimamos a barriga ou as costas ás brasas, e daquela facemos uns liscos ou unhas castañas, o que toque.

O problema dos magostos é pasarse a comer castañas, máis agora xa non quedan nin moitos soutos nin moito froito, así que tocan a unha presa por persoa e iso non lle fai mal a ninguén. Foron minguando cos anos, eu lembro ir con miña avoa a elas e traelas a caldeiros, botalas enriba dun ‘sabón’ a secar e conservalas ben tempo antes de que o becho as picara furando a casca coma un perforador microscópico. Máis non toca poñerse melancólica, se hai menos hai menos, ademais, xa dixo a conselleira de Medio Rural que o que ten saída agora son os panos de sonar os mocos e para iso non valen as follas de frondosas, nin vidos, nin carballos, nin castiñeiros, para iso necesitamos eucaliptos. Cantos eucaliptos se precisarían para que unha persoa puidese limpar a crica durante toda a súa vida? O dito, que mentres teñamos dúas castañas por persoa para o magosto da parroquia imos servidos, o caso é ter papel, xa o dixo ela.

Máis alá do problema da falla de castañas e de panos de papel, o caso é que nos festexos é onde se falan as cousas importantes, realidades que lle afectan aos veciños e veciñas, o que interesa. Así foi nun dos magostos de Agolada, onde os membros do goberno anunciaron que estaban para xa unhas parcelarias que os agoladeses levan reclamando moito tempo. Tanto é o interese veciñal que chegaron ata o Parlamento Galego a pedilas, sen moito éxito por certo. Alí non obtiveron resposta, pero, entre castaña e castaña, o outro día comentouse dende o goberno galego, que non habían tardar, polo menos non van tardar nen a metade do que levan agardando, que serían 12 anos. Non fixaron data, tan só que están ao caer, pero quedou claro que para coñecer as novas de primeira man hai que ir aos magostos POPULARES, nada de TVG, nada de DOG e nada de xornais.

Os asuntos serios trátanse onde os hai que tratar, alomenos mentres queden castañas.

Tracking Pixel Contents