Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | De bolina

Literatura real

Dixo o un: «Hai que ver que magnífica biblioteca ten Vde.! Por aquí vexo as obras de James Joyce, de William Faulkner, de Alain Robbe-Grillet, de Albert Camus, Gabriel García Márquez...; de Jorge Luis Borges, de Frank Kafka, Marcel Proust, Italo Calvino, Valle-Inclán, Federico García Lorca... E nestoutros andeis velaí os Cervantes, Quevedo, Góngora, Dante, Bocaccio, Molière..., Séneca, Ovidio, Shakespeare, Lord Byron, Victor Hugo.... Realmente, unha auténtica marabilla! Ah, vaia: vexo que tamén está Love Story, de Erich Segal.» Entón foi responderlle o outro: «Ese si que o lin!»

A chanza é vella. Non me acorda a data precisa pero, en todo caso, deben de ir aló uns cincuenta aniños da mesma: a novela –Love Story, desde logo- data de 1970 e foi levada ao cinema ese mesmo ano, dirixida por Arthur Hiller e interpretada por Ali MacGraw e Ryan O´Neil, todo un éxito de taquilla. Cabe coidar, no entanto, que, medio século máis tarde, non perdeu aínda -a broma- o seu aquel. E se non, que lle vaian preguntar axiña ao novo, escintilante, premio Planeta, Juan del Val. De certo que ha de ter unha rotunda opinión ao respecto.

Pero non; non buscan trataren as presentes liñas arredor dos méritos/deméritos de Vera, unha historia de amor e os labirintos do Planeta mais si anotar, con todo, algunha cousa en relación con esoutros coriscantes lanzamentos literarios que xa se anuncian para as próximas datas e que, a bo seguro, han de facer «correr ríos de tinta» -se me permiten os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais a expresión demodé- por parte de propios e de alleos, xa deveñan culturetas elitistas -de novo, del Val ao fondo, sobre a pantalla televisiva- ou así mesmo xentes de a pé, crédulos lectores do común que vimos resultar. Estoume a referir, daquela, a tres textos senlleiros, asinados, respectivamente, por Mariano Rajoy, Luis Rubiales e, nin que dicir ten, Juan Carlos de Borbón y Borbón, rei emérito das Españas.

El arte de gobernar: eis o título do volume asinado polo que fora presidente do Goberno entre decembro do 2011 e xuño do 2018. Co subrótulo de «Los secretos y fundamentos de la sabiduría política» -ahí es ná!-, coido ben que non hai dúbida no tocante ao seu encadramento no eido da literatura potencial, escrita limitada ou, mellor aínda e coa venia de Boris Vian, no Colexio da Patafísica e da ciencia das solucións imaxinarias. «Gobernar es un fundamento y el fundamento es el secreto de España y España es un secreto ibérico, oiga. Viva el jamón!» Tampouco penso, doutra parte, que haxa moitas incertezas no que se refire a Matar a Rubiales, obra da autoría do que fora presidente da Real Federación Española de Fútbol y olé. Trhiller puro e duro, serie Z, conforma un guión excelso para unha fita de cinema psicotrónico, terror filmado por Ed Wood.

Ok McKey, todo en orde, mais... e que facemos, mentres e ao tempo, con Reconciliación? En que parte do escaparate, en que espazo dos andeis, sección das librerías cabería situalo? Literatura real -e non se trata dunha ironía-, a que xénero cabe adscribir, xa que logo, as memorias do, segundo os seus parceiros, «cincinato de Abu Dhabi»?

A pouco que pasemos as follas do real volume real, poderemos comprobar que deveñen variadas as posibilidades de inclusión: sagas familiares, intriga e suspense, novela de aventuras, épica, comedia, erotismo pop, ficción histórica, cacotopía, relato cortesán, costumismo casticista, crónica de viaxes... todas as variedades veñen xuntarse na miscelánea sen que, iso tamén, acabe de entenderse cal vén ser o obxectivo preciso de semellante disertación. A non ser -claro é- que tal resulte ser, precisamente, ese mesmo de artellar a confusión. Traducido ao román paladino da Meseta: «liarla parda» En fin, por menos diso hai quen se anote á república.

Con estrutura oriental -eis As mil e unha noites- bótase en falta, porén, a presenza dunha Sherezade ad hoc que vaia encadeando os relatos. Mágoa porque Bárbara (Rey, nin que dicir ten) estaría realmente soberbia en semellante papel.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents