Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

+ Mons. Antonio Valín Valdés

Ser santos hoxe?

Mensaxe con motivo do Día da Igrexa Diocesana, 9 de novembro

Escribe o apóstolo Paulo que a cada un de nós o Señor elixiunos «para que fósemos santos e sen chata perante El polo amor» (Ef 1, 4); somos convidados a «correr con aguante a carreira que temos por diante» (Heb 12, 1); somos chamados a ser santos e esa invitación diríxese tamén a ti: «Tedes que ser santos, pois eu son santo» (Lev 11,45). O Concilio Vaticano II insiste: «Todos os fieis, cristiáns, de calquera condición e estado, son chamados polo Señor, cada un polo seu camiño, á perfección daquela santidade coa que é perfecto o mesmo Pai» (LG 11).

«Cada un polo seu camiño» lémbranos a necesidade de que cada crente —ti e eu— descubra o seu propio camiño e saque á luz o mellor de si, aquilo tan persoal que Deus puxo nel. Todos estamos chamados a ser testemuñas, pero «existen moitas formas existenciais de testemuño» (GE 11).

A santidade non está reservada a un grupo selecto. Todos estamos chamados a ser santos, vivindo con amor e ofrecendo o propio testemuño nas ocupacións de cada día, alí onde un se atopa, como nos di o papa Francisco (GE 14). Só temos que deixar que a graza recibida no bautismo frutifique nun camiño de santidade, que irá crecendo con pequenos xestos no vivir diario. É o que o cardeal Van Thuân dicía: «Vivir o momento presente colmándoo de amor».

Como ser santos hoxe? O papa Francisco indícanos cinco notas:

—Estar centrados e firmes ao redor de Deus que nos ama e sostén. Isto levaranos a aguantar contrariedades, á paciencia e a vencer ao mal co ben.

—Alegría e sentido do humor. Ser cristián é gozo no Espírito (Rom 14, 17), que conduce a unha serenidade esperanzada. O mal humor non é un signo de santidade

—Audacia e fervor. Coraxe que nace do «non teñades medo» (Mc 6, 50) e do «eu estou sempre convosco ata a fin do mundo» (Mt 28, 20), que di Xesús.

—En comunidade. A santificación é un camiño comunitario, onde é necesaria a atención aos detalles, a cultura do coidado e a tenrura

—Oración constante, sempre abertos á transcendencia. O santo é alguén con espírito orante, que necesita comunicarse cun Deus en quen confía e a quen ama.

Todo isto podémolo vivir cada un seguindo o exemplo de tantos homes e mulleres que ao longo da historia descubriron o amor de Deus e que responderon a este amando aos irmáns. Os santos son exemplos e estímulo, compañeiros de camiño e intercesores… Si, podemos ser santos no día a día respondendo á nosa vocación. Si, tamén ti e eu.

Tracking Pixel Contents