Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Cacarexos confinados

Galiñas nunha imaxe de arquivo

Galiñas nunha imaxe de arquivo / FDV

Andan os galiñeiros de media Galicia algareados —soa mellor con gheada, si— con isto da gripe aviar, e non é para menos. O certo é que, desde a covid, non lle fago moito caso a isto dos virus e posibles novas pandemias —non debería, ben o sei, pero quedei saturado—. Porén, o outro día si que retrocedín cinco anos no tempo cando fun visitar meu pai á casa da aldea. Atopeino, como non podía ser doutra maneira, no alpendre onde garda a ferramenta, facendo e desfacendo.

En canto entrei, dei un paso atrás por instinto: meu pai tiña posta a máscara. Mal asunto.

—Papá, por que levas a máscara se estás aquí só? —pregunteille.

—É que fun ás galiñas.

Mi madriña! Botei as mans á cabeza, comecei a suar, xa non sabía que facer nin que dicir. Fiquei a unha distancia prudencial daquel home que acababa de darme toda unha lección de prevención de enfermidades aos seus 83 anos. Quixen fuxir, pero ao final quedei: acompañeino durante as súas tarefas unha media horiña e logo marchei con présa. Non fora o demo.

Agora, lendo que as galiñas —e os galos— de corenta concellos galegos quedan confinados (coma nós coa covid) para evitar a gripe aviar, como ben conta a nosa compañeira Elena Ocampo nestas mesmas páxinas, vénme á cabeza esta anécdota con meu proxenitor. Imaxinen: en toda a comunidade hai, cando menos, 27.000 donos de galiñeiros. Este é o dato oficial, pero xógome unha cea a que hai moitísimos máis.

«Declarar o galiñeiro? Que parvada é esa! Levo criando pitos toda a vida, a min estas modernidades de ciudad non me van». Cultura bravú.

A medida tómase agora porque comeza a época de migración das aves que cruzan o noso país na súa ruta cara a África para pasar o inverno, e o certo é que nos últimos meses as autoridades non pararon de confirmar casos de paxaros mortos por esta enfermidade. De feito —non sei se é paranoia—, mesmo me pareceu ver hai unhas semanas unha gaivota e un pato mortos pola miña zona (seguramente non ten nada que ver). Así que mellor previr ca lamentar, non si?

Moito ollo: en Madrid, esa comunidade que pregoou a liberdade e o terraceo durante a covid, acaban de sacrificar case medio millón de galiñas por un brote de gripe aviar en Valdemoro. Saltará a influenza aviar aos humanos? Lin que o contaxio en persoas é pouco frecuente, pero, por se acaso, coma meu pai: máscara posta, galiñas pechadas e sentido común aberto. Que o próximo virus non nos pille cacarexando.

Porque, se algo nos ensinou isto —e a pandemia tamén—, é que nunca se sabe de onde pode vir o susto: dun morcego, dun pato ou da galiña da veciña. Mentres tanto, nós seguiremos facendo o que mellor sabemos: tomalo con calma, botarlle un chisco de humor —que non falte nunca— e agardar que non nos toque poñer ovos tamén.

Imagen

Al lío

Si quieres recibir este análisis de la actualidad en tu correo tan solo debes activar este boletín en nuestra página web

Me apunto
Tracking Pixel Contents