Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | De bolina

De usos e de fusos

Como todos os, sempre moi amables, lectores e lectoras destas crónicas semanais coñecen dabondo, velaí que o sábado 25 de outubro tivo lugar o cambio do horario de verán para estoutro de inverno que disfrutamos/padecemos, sempre de acordo coa particular apreciación de cadaquén. E, certamente, debería resultar doada a resposta, pero unha vez que en máis dun medio de comunicación —e desde aí nas conversas cotiás— se veu informando de maneira errónea respecto da data e circunstancias desa mudanza anual, anotemos, antes de máis nada, que, se ben ten orixe no ano 1974 —isto é, o penúltimo da gobernanza de Francisco Franco—, non se tratou en ningún caso dunha decisión realizada en solitario polo ditador. Antes ben: foise artellar no conxunto europeo como consecuencia da crise do petróleo vivida entre 1973 e 1974 e no afán por aforrarmos o consumo da prezada enerxía. Iso si: polo que se refire ao fuso horario de noso, ese si que fora instituído polo goberno franquista en 1940, adaptándonos dese xeito á hora da Europa Central —cómpre sinalar que durante a Guerra Civil, os republicanos tamén tentaron levar a termo tentativas nese sentido—: en consecuencia, á medida de Berlín.

Mais volvendo á conxuntura do horario de verán/inverno de 1974, cómpre precisar aínda que non se tratou da primeira oportunidade na historia: sempre co prudente afán de economizar o consumo —neste caso, do carbón—, Alemaña, e no contexto da Primeira Guerra Mundial, implementou o horario de verán por volta de 1916. Os Estados Unidos, o Reino Unido e así mesmo España tentaron aplicar a normativa en diversas oportunidades. Desde logo, nin os uns gañaron, nin os outros perderon, a contenda grazas a semellante previsión.

«Procurar problemas onde non os hai. Atopalos. Levar a termo un diagnóstico falso e, finalmente, aplicar a seguir os remedios trabucados»: eis, segundo Marx —Groucho, desde logo, que lle queren Vdes?—, o afán que move os políticos. E non se vai dispoñer este cronista en ningún caso nas hostes acratoides e revoltés, mais si que hei de lembrar, porén, que sen encomendarse para nada a Deus ou a lord Keynes, velaí que —outra volta en nome do peculio— un fai memoria, sen ir máis lonxe, da medida tomada polo Goberno das Españas en marzo do 2011 e que viña determinar a obriga de non circular a máis de 110 km por hora polas autoestradas e autovías deste país de países. Lexislación que foi derogada, en todo caso, en xullo dese mesmo ano —é dicir, catro meses máis tarde—, sen mediar calquera explicación de peso. Misterios monclovitas, pois, que, de acordo coa subxectividade partidaria, recibiron o aplauso/apupo dos sufridos usuarios. De novo con Groucho: «Velaí as miñas medidas; pero se as tales non lle prestan, teño outras».

«Cómpre traballar máis horas e producirmos máis e máis», tal vén ser a receita que algúns dirixentes empresariais —e adláteres políticos e mediáticos ad hoc— propoñen como máxica fórmula para resolver de vez a problemática socio-económica. En todo caso, trátase dunha fórmula que contrasta vivamente con aqueloutra —reputada como «absolutamente científica» e ofrecida no transcurso dunha entrevista televisiva con Jesús Quintero— pola súa alteza, o príncipe Galín (Juan Mari Solera para os non iniciados): «Para as cousas que realmente importan na vida: comer un bocadillo de xamón ibérico, acompañado por un rioja/ribera del duero... crianza, invitar a unha copa a unha distinguida e fermosa dama..., está completamente demostrado que abonda con traballarmos catro horas semanais».

Xa que logo, adiantar/retrasar o noso fuso horario en virtude de que? A teoría da relatividade demostra que a percepción do tempo —e do tempo atmosférico aínda— conforma, sen dúbida, un apartado subxectivo. Mañás máis longas e tardes máis curtas ou, polo contrario, mañás máis breves e tardes que se demoran? Perante do dilema, permitan que conclúa estas liñas cuns versos do gran Fito Cabrales: «No soñaré solo porque me he quedado dormido/No voy a despertarme porque salga el sol».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents