Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Lumes negros (ríos escuros)

Descoñecía a historia do Dust Bowl, unha época de seca e tormentas de area que sufriron os estados de Oklahoma, Texas, Novo México, Colorado e Kansas (a zona das grandes chairas), logo a seguir do Crack do 1929. O máis chocante do fenómeno non foron tanto os anos de baixas precipitacións —antes ou despois agardas que aconteza— senón as propias tormentas. Elas fixeron que a seca acabara sendo un desastre. Como aparecen da nada aquelas ventiscas de po? Sinxelo: alterando o uso da terra. Xa antes pero a partir da década de 1920 os pastos orixinais son substituídos por unha agricultura intensiva baseada exclusivamente no monocultivo de trigo.

Deste xeito, coas primeiras malas colleitas, o terreo arxiloso —desprotexido— comezou a flotar. Nada suxeitaba aquelas partículas ingrávidas e a erosión foi cada vez maior. As verdes pradeiras de antano viraran en campos de trigo e logo en infinitos regos de area. Ermos. Ata o máis calmo dos ventos erguía densas nubes de poeira. O «vento negro», así se lle chamaba ao fenómeno, chegaba a ocultar o sol: ao mediodía parecía anoitecer. O Dust Bowl (literalmente: cunca de area) provocou o desprazamento de máis de tres millóns de persoas entre 1932 e 1939.

As montañas da provincia de Ourense, as galegas en xeral, amosan ben como os lumes arrasan o chan. Antes, cando ardía o bosque, o lume desfacía a tona da terra con maior ou menor intensidade. Nos incendios destes últimos veráns as chamas van máis alá: queiman a pel vexetal e por riba calcinan ese substrato inferior cheo de vida. Transforman nun po finísimo o mato e as plantacións forestais igual que o solo, a capa máis rica en materia orgánica.

Se agora te internases no monte sentirías a cinza que se ergue, que aboia, a cada paso. Tamén percibirías un silencio atípico, como se camiñases pola lúa. A sensación é desoladora, a paisaxe tamén.

Pregúntome que acontecerá con isto, non hoxe nin mañá, senón dentro de dez ou vinte anos. Incluso no 2125, alguén podería escribir no FARO: «Descoñecía a historia dos ‘Lumes negros’, unha época de grandes incendios forestais en Galicia durante a década de 2020. O máis sorprendente non foi que arderan os bosques, algo habitual cada verán, senón que aqueles incendios se volveran cada vez máis extremos. Chegou un intre no cal reforestar era case imposible porque a cuberta vexetal non conseguía rexenerarse —pola reincidencia dos fogos— e a capa orgánica desaparecera. Cada outono, coas chuvias, os restos calcinados eran arrastrados, contaminando ríos e acuíferos. A situación persistiu tantos anos que a vida fíxose imposible naquel territorio. Entre 2021 e 2029 arruinouse unha extensión equivalente á provincia de Lugo». Lumes negros e ríos escuros; xa arde sobre queimado.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents