Opinión
«Corydon»
Calquera que procure en internet a voz Corydon recibirá unha exhaustiva información sobre a obra deste título, da autoría do escritor francés André Gide. Trátase dunha colección de ensaios sobre a homosexualidade que o premio Nobel francés escribe a raíz do denominado «proceso Renard”: un home acusado de asasinato que, malia a inconsistencia das probas é condenado severamente tanto pola opinión pública como polos xuíces; a razón é que Renard é homosexual.
A idea que ten Gide, defendida na obra, é que a homosexualidade é unha situación de normalidade que forma parte da especie humana de xeito natural pero que a moral dominante deforma e converte nunha patoloxía perseguida e combatida. Por este motivo a obra tivo unha xénese críptica e anómala: permaneceu inédita durante varios anos, foi primeiro entregada privadamente a algúns amigos do autor e cóntase, por exemplo, da irada reacción de M. Proust que lle acabou por negar o saúdo.
A edición definitiva da obra tivo lugar en 1924 e a primeira tradución ao español aparecerá en 1929 na editorial Ediciones Oriente (1927-1932), traducida por Julio Gómez de la Serna. Pois ben, na última visita que fixen ao denominado alpendre cultural A Tobeira de Oza da Coruña (Rúa da Merced, 24 baixo) dei con esta primeira edición en español.
Cando un entra na Tobeira séntese acariñado e transportado no arrecendo do papel impreso e dalle a impresión do triunfo do libro sobre o poder establecido; un pensa nos millóns de libros queimados durante séculos por orde dos inquisidores e censores e séntese reconfortado porque as baldas ateigadas deste singular espazo coruñés non deixan de simbolizar unha derrota para os bibliófobos do mundo e unha honra para os perseguidos, os libros e os correspondentes autores congregados que nos saúdan ao entrar.
Alí atopei e adquirín o Corydon de Gide na devandita edición de Ediciones Oriente, unha das iniciativas culturais que nace en plena ditadura de Primo de Rivera apostando decididamente pola unidade obreira coa finalidade de derrubar a ditadura. Ediciones Oriente, xunto con Cenit, Ulises, Dédalo, Zeus, Ediciones Hoy etc. promoveron un novo concepto de intelectual concienciado e un movemento social que dará como resultado a denominada «literatura de avanzada». Fronte da política elitista e deshumanizada que propoñía a editorial anexa da «Revista de Occidente» estas editoriais pretendían ser o contrapeso facilitando a tradución de lecturas ideolóxicamente opostas.
Se a esto engadimos que este grupo de editoriais de avanzada coidaban especialmente a tipografía, o deseño e a ilustración, temos o perfecto autoagasallo de papel na súa compra. Concretamente, no seu aspecto formal, os volumes de Ediciones Oriente supuxeron unha revolución no eido do deseño coas súas tapas a dúas tintas e o ronsel inequívoco do cartelismo ruso.
A maior parte destas cubertas novidosas foron obra do alxecireño Ramón Puyol, creador tamén do emblemático logo da editorial, un libro aberto ao sol que nace. O resto foron obra do mítico Mauricio Amster, que acababa de chegar a España, formado xunto co seu compañeiro Mariano Rawicz na prestixiosa Universidad de Artes Gráficas e do Libro de Leipzig.
O libro que merquei na Tobeira aínda me proporcionou outra alegría inesperada porque ao chegar á casa e follealo, atopeime coa sorpresa que pertencera a Mario Blanco Torres tal como acredita un sinxelo exlibris que reza así: «Mario Blanco Torres ex Biblioteca. La Estrada». Penso que se, como adoita dicirse, os libros tamén determinan o perfil dos seus lectores e posesores este noso paisano, coido que irmán de Roberto Blanco Torres, dá unha imaxe de home inquieto intelectualmente e curioso lector, capaz de atreverse cun tema espiñento e vedado á maior parte da sociedade da época, o tema da homosexualidade.
(Este artigo é debedor da información proporcionada por Víctor Fuentes, La marcha del pueblo en las letras españolas 1917-1936, ediciones de La Torre, 1980 e por Civantos Urrutia, A., Esplendor y miseria de Ediciones Oriente (Madrid 1927-1932). Un grupo editorial de avanzada para construir la República. Cultura De La República. Revista De Análisis Crítico, 3, 2019).
Suscríbete para seguir leyendo
- Un grupo de turistas se monta un picnic bajo las luces de la Navidad de Vigo
- Más de cien vigueses alquilan su coche particular para conseguir un ingreso extra
- Antía Pinal lleva a Vigo a la final de 'La Voz' y el alcalde pide el apoyo de la ciudad
- Desaparecida en Lalín una mujer de 58 años que padece alzhéimer
- Indemnización de 135.000 euros para una familia que perdió al bebé que esperaba durante el parto en el Cunqueiro
- Sancionan a 21 empresas de Alsa y Monbus por falsear la competencia
- Comunidades de propietarios de Vigo limitan la decoración navideña para controlar el consumo eléctrico
- Apuntalan la casa de Papá Noel en Vigo por riesgo de derrumbe tras chocar un furgón
