Opinión | Voyager
Ti vas vir ao Hemato?
Escribo estas liñas na mesa de traballo dunha residencia artística en Torralba de Ribota, unha aldea de Aragón de 100 habitantes, moi preto de Calatayud. Aquí todo é calma. As rúas son estreitas, os cans séntense os amos e a meirande parte das casas están baleiras desde hai décadas. Cando soa o motor dun vehículo, sobresáltaste. Coma se fose unha ousadía, unha interferencia estraña. Este lugar está preto dunha formación xeolóxica que chaman Los Castillejos, na serra de Armantes, entre os ríos Manubles, Ribota e Jalón. Din que é o Far West aragonés.
Esa paisaxe que se alza a ambos os dous lados da estrada secundaria que leva ata Torralba de Ribota é laranxa, branca e marrón e ten textura de tiramisú. Esta cara do sistema ibérico zaragozano, salpicado de barrancos e outeiros, transmite a sensación de paisaxe luar. Supoño que vivir nesta paraxe está bastante próximo a sentirse cun pé fóra do mundo. Mentres observo o acougo co que se desenvolven aquí os días, no medio deste proxecto cultural que fixo realidade a utopía de crear unha comunidade de artistas no rural, o meu teléfono arde.
Faltan só uns días para que a segunda edición do HematoFesti, o festival de literatura e humor que puxemos en pé en Vigo un ano despois da morte do Hematocrítico, encha a cidade olívica de cultura. Resúltame curioso estar xestionando os últimos flocos con semellante intensidade, mentres as persoas que habitan esta aldea e as aldeas da contorna teñen unha xestión do tempo e uns ritmos tan diferentes. Que fortuna poder vivir semellante xogo de contrastes.
Onte alguén me preguntaba como é posible xuntar no mesmo cartel a Ignatius Farray e Teresa Rabal, a quen este ano Manuel Bragado lle fará entrega do Premio Lenda do Recreo. Creo que é posible porque neste festival soñamos co imposible e intentamos facelo realidade. E, algunhas veces, sáenos ben. É unha fachenda que Vigo sexa a cidade anfitrioa dos máis de sesenta artistas que van visitarnos do 4 ao 8 de novembro. Cando descobren que Vigo é a Cidade Olívica poñen cara de incredulidade. Algúns contestan: «¿pero hai olivos? ¿Como en Jaén?» Eu sempre me sinto tentada a contestar: «aquí hay olivos, sobre todo, en las rotondas». Pero, en lugar diso, cóntolles onde está a nosa oliveira centenaria e de onde procede, e móstrolles o escudo vigués. Estou convencida de que o HematoFesti ten que celebrarse aquí, por moitas razóns.
A esencial é que é o único lugar onde me sinto de verdade na casa. Touriñán, Luz Casal, Héctor de Miguel, Javier Jaén, Susanna Isern, Bea Lema, Grande Amore, Igmig, Silvia Superstar... Así ata sesenta e dous artistas de todo o Estado que van poñer Vigo patas arriba. «¿Pero o humor é cultura?», preguntoume outra persoa esta semana. «E os videoxogos? E a literatura infantil?». E o cine de animación, e a ilustración e a música... Gústame pensar que todo o que rodea o HematoFesti esperta curiosidade, inspira frescura e nos proporciona unha oportunidade para gozar e divertirnos. Quizais estamos máis preto da contracultura ca da cultura dominante. Porque cremos nos modelos alternativos, na posibilidade de establecer alianzas co tecido comercial da cidade e crear un espazo único, cheo de posibilidades durante cinco días, co riso coma faro.
Dezasete espazos da cidade ofrecerán charlas, 270 prazas de balde de obradoiros de creación artística (desde fanzines ata xoguetes ópticos), presentacións de libros, concertos, comedy club, unha xornada enteira dedicada á literatura infantil e unha gran gala. A Hematogala, que terá lugar no Auditorio Mar de Vigo na noite do xoves 6. Na pasada edición marcámonos un obxectivo curioso. Queriamos lograr que a xente dixera: «Eu este ano vou ir ao Hemato». Por aquilo de constatar que conseguimos converter a Miguel Ángel López nunha inmensa festa colectiva. Por iso che pregunto a ti, que estás lendo estas liñas: Ti vas vir ao Hemato?
- «Sin calefacción estamos todo el año a 21 ºC»
- Descarrila un tren de mercancías cargado de toneladas de acero en As Neves
- Mercadona denuncia la venta desde Bueu de pescado que debía destruirse
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- El primer ‘coliving’ de la ciudad estará en Bouzas y tendrá gimnasio y piscina
- ¿Cuál es el mejor día para ver las luces de Navidad de Vigo? Estos son los de mayor y menor afluencia
- La seta que quería ser sombrero mexicano
- Continúa la 'guerra del agua': la Xunta comunicó al Concello de Vigo con siete meses de demora las deficiencias en las válvulas
