Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | De bolina

Esaxerados e ensimesmados

Sentenciou Cesare Marchi, nas páxinas de Grandes pecadores, grandes catedrais, que España vén resultar, sen dúbida, «a esaxeración de Europa» -e aínda máis: que «Andalucía conforma a esaxeración de España» ao tempo que «Sevilla devén realmente a esaxeración de Andalucía»-. Convén precisar, desde logo, que desde que o escritor e xornalista italiano acuñou semellante veredicto ván aló case corenta anos: con certeza, un tempo acaso non demasiado alongado, en termos históricos, mais si que o suficientemente dilatado, con todo, tendo en conta a velocidade coa que nos fomos mover nas décadas finais do século pasado e aínda nestoutros tempos da vinte e unha centuria que andamos a habitar. Xa que logo, coidan Vdes. que continuamos, de veras e na hora presente, a trazarmos un territorio de auténticos desmedidos, resoltos desorbitados sen enmenda?

«¡Como en España, ni hablar!», eis a afirmación rotunda coa que algúns consideraban este país de países, tribo de tribos... xustamente cando Marchi publicou o seu importante e divertido volume. Polo visto, andaban convencidísimos de viren axeitar, os tales, unha paisaxe e unha paisanaxe que se ofrecía como «lo más de lo más» aos ollos abertos duns visitantes envexosos de semellante exuberancia: «Españolear, españolear/es lo que hacen los turistas cuando vienen por acá (...) Ellos saben que lo nuestro les da la felicidad», cantaba Luis Lucena. En todo caso, unha contudencia que se ía esnaquizar sen remedio diante daqueloutra leria, carraca, ladaíña fusca a testificar, día si e día tamén, que: «Non hai maneira: nunca seremos Europa! Parecemos un país do terceiro mundo!»

En efecto: desde 1898 -cando pasamos de considerar que a Armada do almirante Cervera acabaría entrando, triunfal, no porto de Nova York a establecer que só contabamos con barcos de madeira a faceren glu-glu nas augas de Santiago de Cuba- deica a contemporaneidade, velaí o balanceo arreo.Prolongación da política por outros medios, o fútbol ofrece, da súa parte, cumprida noticia de semellante falta de equilibrios: velaí que se chegue a falar moito máis -e niso converxen todos os interesados con independencia de crenzas e de cores ideolóxicas- dos desastres da selección nacional que desoutros grandes éxitos de la «roja.» E é que tal parece que, como naquela bossa nova de Tom Jobim, «tristeza não tem fim, felicidade sim.»

Pois ben; a pouco que un lea os xornais imprentados nos Madriles; apenas que atenda os programas de radio e televisión; por nada que participe das redes sociais... poderá percibir que si que estamos metidos, e até o pescozo, nunha nova/vella lea arredor daquilo mesmo do que se discrepaba no pasado: estamos a artellar a vangarda mundial ou, polo contrario, somos o obxectivo número un a derrubar por parte dos líderes da reacción internacional que nos aflixe? Traducido ao román paladino: articulan Pedro Sánchez e mais os seus a confraría máis brillante e megaguay do progresismo mundial ou, ben polo contrario, habemos de consideralos como os responsables convictos do noso, seica, incontestable descrédito? España cool ou, antes ben -e con licenza dos Brighton 64- tan só a nación de Mortaledo e Filemón?

Alemaña, o Reino Unido, Francia e Italia: tales deveñen as principais economías de Europa. Reino Unido, Alemaña, Francia e Italia outra vez están por diante así mesmo cando se analiza o índice do Soft Power. En consecuencia: non conviría aminorar a marcha e contemplarnos no espello con calma? Certamente, unha (boa) dose de proporcións e de equilibrio si que habería de sentar ben nos fígados irritables e irritados que tanto semellan abundar pola «pel de touro» adiante. Claro, que iso tamén, alguén podería retrucar: «Contemplarnos no espello, recomenda Vde? E en cal deles: no cóncavo ou no convexo?»

Relata de novo Cesare Marchi que, despois dun triunfo apoteósico de Joselito en La Maestranza, algúns afeccionados achegáronse á basílica de la Macarena coa intención de levalo en procesión sobre o pedestal da Virxe, por Sevilla adiante. «Réprobos!, Blasfemos!», foinos alcumar o crego responsable. Aínda así, e logo da reprimenda, engadiu: «¿Habrase visto?¡Joselito en la peana de la Macarena! ¡Cosa inaudita! Si por lo menos se tratase de Belmonte...».

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents