Opinión
De bruxas e tartarugas ninja

Las calabazas son norma habitual en estos días en muchos lugares de la comarca. / Noé Parga
Xa teño disfrace para o Samaín. E non me custou nadiña. Case de balde. De que? Pois de zombi, que é o que quedou de min tras un gripazo de campionato, deses que xa non lembraba, dos que che fan tremer as pernas, estoupar a cabeza, arrincar o nariz e tomar paracetamol como se non houbese un mañá. Así que xa estou preparado —pura ironía— para acompañar aos meus fillos o venres a cobrar o imposto revolucionario do «truco ou trato» polos comercios da nosa rúa, como xa é tradición.
Porque o é. Os tempos cambiaron. De cativo, do Samaín —ou Halloween— non sabiamos nada. O que ditaba a tradición era acompañar aos teus pais e avós ao cemiterio a visitar aos defuntos. No meu caso, primeiro ao camposanto de Baiona —púñanseme os pelos de punta cada vez que atopaba algunha lápida co meu nome, e hai moitísimas— e logo ao de Sabarís. E xa. Iso de disfrazarse na escola, de apañar lambonadas polas tendas ou polas casas dos veciños… era cousa de película americana. E mira ti, que de todas as cousas —a meirande parte, malas— que importamos dos Estados Unidos, esta debe ser das mellores.
Un festivo esperado
Abonda con ver a ilusión dos cativos para confirmalo. Pásano en grande. O Día de Todos os Santos deixou de ser para eles un festivo aburrido para converterse nunha das datas máis esperadas do ano. Bruxas, esqueletos, monstros, vampiros, pantasmas… pero dos bos, dos que non meten medo, dos que nos fan rir, dos que tanta falta fan. E non me esquezo dos defuntos. Todo o contrario: creo que a eles tamén lles gusta que os rapaces enchan de alegría as rúas, as casas, os colexios. Porque, se é certo iso que din de que nestes días a liña que separa o mundo dos vivos do dos mortos é máis fina, nada lle gustaría máis á miña nai que ver os seus netos felices, correndo da man, repartíndose o botín das lambonadas: a nena disfrazada de bruxa, e el de algunha tartaruga ninja mutante, porque o do esqueleto non o convence demasiado.
Outra derivada disto do Samaín son as historias de medo. Hai uns días, a miña filla pediume axuda porque quería escribir unha do seu puño e letra para a súa clase, toda unha mostra de vontade para unha nena de seis anos que está aprendendo a ler. Saíunos algo que comezaba así:
«Era unha noite fría e escura. Unha nena durmía a perna solta cando, de súpeto, escoitou un berro fóra, no Camiño do Ferreiro: Uuuuuuuu!!».
Non está mal, verdade?
Cada xeración reinventa os seus ritos, as súas formas de falar cos que xa non están. Nós facémolo entre risas, disfraces e lambonadas, e quizais non sexa tan diferente de acender unha candea no cemiterio. Así que este ano, se vedes un zombi algo despistado acompañando dúas criaturas cheas de azucre e ilusión, non fuxades: serei eu, sobrevivente da gripe e do «truco ou trato». Prometo non morder… demasiado.
- El encendido de las luces de Navidad de Vigo en primera línea: aforo limitado y solo cuatro accesos a Porta do Sol
- Detenido un vecino de Vigo que estaba lanzando botellas de cristal desde una planta de Vialia hacia la plaza de los cines
- Saca fotos «furtivas» para denunciar la casa de sus vecinos en Nigrán y acaba condenado por violar su intimidad
- Los últimos porteros de Vigo
- «No trato de ser espiritual, para eso ya hay grandes santos»
- La colosal Navidad de Vigo al desnudo: guía completa para disfrutar de sus 12 millones de luces
- Fortaleza de Chocolate en Portugal: la tentación más dulce de Valença regresa por Navidad
- La Policía investiga si la agresión de un compañero de residencia causó la muerte de Encarnita Polo
