Opinión
Crítica institucional
Glosas de actualidade II:
Despois de 1939 a Real Academia Española (RAE) foi vista como un espazo de confinamento cultural propicio para ser criticado e mesmo atacado estética, política e culturalmente pero estaba prohibido facelo, non o permitía a censura.
A institución, intervida politicamente, nomeou numerarios a insignes plumas franquistas —J. I. Luca de Tena, , o duque de Alba, Joaquín Calvo Sotelo, Sánchez Cantón, Agustín de Foxá— con Pemán á cabeza que chegou a presidir a institución. Nunca a RAE fixo a máis mínima autocrítica, polo contrario celebrou oficialmente en 2021 o 124º aniversario do natalicio do escritor gaditano.
O dicionario académico, en consonancia con esta situación, foi permisivo co léxico franquista mantendo a «cruzada nacional» por guerra civil, o «parte» como diario falado e non deixou escapar as conotacións ideolóxicas, marcadas polo franquismo, das palabras «contubernio» ou «orquestar».
Non debe estrañarnos esta actitude se temos en conta que a RAE foi monárquica durante o absolutismo borbónico, timidamente liberal na segunda metade do século XIX ou republicana nos breves períodos democráticos da historia de España. O que realmente resulta paradóxico é que a institución se alporice do xeito que o fixo diante dunha crítica que procede doutra institución cultural que no fondo non deixa de ser un argumento favorable porque o que pretende García Montero non é destruír a institución, máis ben busca modificala para que non sexa problema e convertela na solución do futuro.
Soamente desde a mentalidade dunha institución que funciona como corpo autónomo sen coordinación co resto das institucións pode explicarse esta reacción evasiva e insólita. Non esquezamos que as linguas, en constante evolución, inciden na política e, obviamente, son afectadas por ela.
Xa nun libro clásico Pierre Bourdieu («Sociología y Cultura», 1984) definía o concepto de «campo», indispensable para entender as relacións dos intelectuais co poder pois entende a sociedade como un escenario de interdependencia e mutuas relacións dos distintos campos, configurados como unidade historicamente. Estamos, é innegable, nun proceso de cambio político profundo que afecta necesariamente á estrutura do mundo intelectual.
Coidamos que tanto o Instituto Cervantes como a RAE aspiran a dominar, a ser hexemónicos no campo cultural que os determina, de maneira que o debate iniciado está a expresar as contradicións e disputas dentro dese campo.
As críticas esbozadas ata este momento por García Montero non fan máis que poñer en evidencia a necesidade dunha discusión máis ampla, libre e precisa malia que poidamos intuír as liñas fundamentais que están a debuxar as manifestacións do director do Cervantes que reclama, indirectamente, que a capacidade normativa non ten que estar centralizada e non ten que ser programada debaixo dun único teito ou institución porque o xigantismo cultural responde aos intereses oficiais do Estado que coincide coa crenza, non mal intencionada pero limitadora, de que todo o bo funciona a escala masificada.
En definitiva barruntamos que o director do Cervantes defende unha concepción da linguaxe, non como unha entidade fixa, inamovible e natural, senón como un espazo que se constrúe constantemente e onde abondan as tensións e contradicións, sempre sometido a un xogo de forzas contrapostas, distintas en cada período histórico.
Por esta razón reflexionar sobre a linguaxe supón ter en conta un tecido de relacións amplo e complexo que excede os lindes lingüísticos para entablar relacións e contacto con outros ámbitos, político, social, económico, cultural, educativo, migratorio etc. Deixar nas mans dos profesionais da lingua, en exclusiva, a responsabilidade da regulación do idioma é unha grave irresponsabilidade social. Denuncia, intúo, García Montero a demagoxia que serve para impoñer o nacionalismo dos triunfadores como cultura universal.
Denuncia tamén o director do Cervantes, cando fala do Dereito Administrativo, o carácter anticultural das administracións destinadas a xestionar subvencións, desactivar debates e conseguir aplausos pero non para culminar proxectos culturais en colaboración. E, indirectamente, García Montero defende o carácter artesanal e a dispersión impredicible da cultura alternativa defendida por pequenos grupos.
Pero esa cultura artesanal alternativa é máis difícil de administrar e controlar, de oficializar. Abonda con negala e controlala, neutralizando as voces disidentes mediante un sistema progresivamente viciado pola parcialidade, o favoritismo e a cooptación.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- Mercadona denuncia la venta desde Bueu de pescado que debía destruirse
- «Sin calefacción estamos todo el año a 21 ºC»
- La Navidad llega a Vigo con ilusión impermeable
- Descarrila un tren de mercancías cargado de toneladas de acero en As Neves
- El encendido de las luces de Navidad de Vigo en primera línea: aforo limitado y solo cuatro accesos a Porta do Sol
- ¿Cuál es el mejor día para ver las luces de Navidad de Vigo? Estos son los de mayor y menor afluencia
- El Paseo de Alfonso luce su nueva plaza-mirador
