Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Que Deus nos pille confesados... e ás vacas tamén

Agora que quedamos sen o párroco de confianza, está preto de chegar a terceira «grande peste» do bovino a Galiza, tamén a Lalín, terra de vacas e gandeiros por excelencia.

Lembro perfectamente cando reapareceu a Lingua Azul e a súa improvisada vacinación. Un despropósito desorganizado, animais paralizados nas explotacións, carniceiros sen produto para vender, becerros que chegaban a matadoiro e volvían para a casa… e veterinarias e gandeiras tratando de substituír á Consellería de Medio Rural, maiormente ausente, nas súas funcións, cobrando bastante menos do que se cobra en San Caetano.

Logo veu a seguinte vaga, a da EHE. A primeira vaca que lembro afectada foi en Castro de Arriba, eu non sabía o que tiña, a enfermidade do mosquito seica aínda non chegara a Galiza. Pasamos moito traballo, ela que non tivo final feliz, a María, a propietaria e eu, as 3. Meses despois tivo unha diagnose, ela e outras moitas. Foi un auténtico desastre gandeiro, unha peste de categoría superior; vacas que non daban comido e bebido, animais que non se daban levantado por deshidratación, mortes que non se puideron evitar… Un ano despois toda esa xente vacinou para a enfermidade se quixo, botáronlle ao lombo a decisión e o gasto dunha vacinación que non lles correspondía e asumírona, igual que a da Lingua Azul.

Agora imos coa terceira praga en 3 anos, xa temos práctica, alomenos os gandeiros… a Consellería polo visto, aínda non moita. Hai meses que vemos avanzar a Dermatose Nodular por Europa, podía chegar ao Estado Español e chegou. Mais esta vez hai unha diferencia substancial, vaca que enferme, explotación que se sacrifica enteira. O que non hai é diferencia entre a actuación da Dirección Xeral de Agricultura nas pasadas ocasións e nesta, silencio administrativo ata que xa non houbo máis remedio que opinar e actuar. Tiveron que pasar meses e ter máis de 3.000 sacrificios en Cataluña para que a Xunta de Galiza decidise facer algo! Para que se reunise con urxencia, a unha semana vista… Tiveron que tomar partido gandeiros, sindicatos e tratantes para que en San Caetano espertase a preocupación e se mirase para o sector gandeiro galego.

Imos tarde, mal e arrastras, nun liberalismo sanitario que non ten precedentes e que arrisca o modo de vida de moitas persoas que habitan o territorio e de miles de animais que o manteñen.

Tracking Pixel Contents