Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Voyager

O país invisible

«—Ti naciches grazas a Fidel.

Batía no miolo o retrouso tantas veces escoitado na casa mentres cavilaba acompañando o abaneo do coche, a xanela aberta, o bafo quente na cara e o recendo de trópico a entrar polo nariz. Atravesaba a estrada Central de Cuba, un camiño poeirento contornado por chairas de terra vermella e palmeiras. Arrincara tres horas antes no Vedado, na Habana, e de súpeto xurdiu un carreiro de entrada a unha vila pequena, de dez rúas por cada lado, chamada Perico. Era a hora da sesta e non se vía unha alma, só uns cans sen dono, algún ciclista desganado e un grupiño de rapaces xogando ao béisbol, aquí pelota. Máis aló, a inelutable praza central latinoamericana, coa súa igrexa e as súas árbores frondosas, tanto ten estar na Pampa, no Cuzco ou en Cartaxena de Indias. Ou na provincia cubana de Matanzas. Diso tamén vai o colonialismo». Así empeza a monumental obra O país invisible, do xornalista Arturo Lezcano, un libro cosido coas historias da diáspora galega alén do Atlántico. Lezcano, que nos fixera vibrar con Madrid,1983, regresa a Libros del K.O. con esta nova proposta editada con amor e coa consciencia de ter entre as mans unha obra polifónica. A diáspora galega é inabarcable: quen non ten un familiar, un veciño, un coñecido que viviu a emigración? Arxentina, Brasil, México, Perú, Uruguai... América é un niño que se abriu para dar espazo á comunidade galega. O mundo está cheo de gallegos, andoriñas que voaban na procura da esperanza. Contaba antonte Lezcano, na presentación celebrada no Café Vitruvia, que a primeira versión d’O país invisible eran mil páxinas que se comprometeu a reducir ata conseguir este volume que conten seiscentas. Seiscentas páxinas de historias de emigrantes que narran as súas peripecias. Imaxino a Arturo sentado fronte a cada unha destas persoas, pedíndolles permiso para poñer a gravadora a funcionar. Penso nel premendo o botón vermello e logo pousando a súa mirada azul na do seu interlocutor. Case podo escoitalo dicir: «Cando era neno, cada domingo aparecía unha bandeira que chamaba a miña atención. Era unha especie de negativo da bandeira de Galicia pero en cor Dépor, o que me despistaba aínda máis: fondo azulón, faixa diagonal branca e unhas siglas no medio que significaban Club Nacional de Football». Se o interlocutor é Andrés Martínez, un uruguaio que semellaba ter catro pulmóns e xogou no Racing de Ferrol, acabará levándoo da man ata o seu pai: Óscar Martínez, un home que emigrou a Montevideo con 18 anos. E así con infinitas historias. Descoñezo o número de cidades que visitou Lezcano coa gravadora na man, disposto a recoller todas esas realidades para que non se perdesen na marea do esquezo. A maneira máis digna de apuntalar a memoria é facelo desde as voces de quen a viviron. O que fai brillar o traballo de Lezcano non é só o xeito en que el narra, tamén é polo que narra, froito dun traballo de escoita, recollida e destilación. Pregunteille canto tempo material lle dedicara a esta obra e el contestoume que catro anos, mais creo que a realidade é outra. Porque quen colla este libro e se mergulle neste crisol de historias da emigración galega, vai comprender que este é o traballo de moitas vidas: a de Lezcano, mais tamén a de todas as persoas que respiran dentro d’O país invisible, as que lle fixeron de ponte, as que lle tenderon a man para crear así unha rede de colaboración, que é o único xeito de poder tecer un proxecto tan honesto, tan humano, tan conmovedor. Arturo Lezcano tivo a xenerosidade de darlle voz a ducias e ducias de persoas, a paciencia dun compilador, mais tamén o talento dun narrador de vocación, que te agarra en cada liña facéndoche sentir parte da epopea atlántica da diáspora galega. Que fortuna que este libro sexa xa unha realidade, e que segura estou de que vai funcionar coma unha espita que dará pé para que moitas outras persoas acaben sentadas fronte a mirada azul de Arturo e lle conten a súa propia historia, que é a historia de Galicia.

Tracking Pixel Contents