Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Campo do Fragoso

Sempre Aspas

Noutra noite inesquecible de emocións desbordadas, o Celta de Iago Aspas, o mago que batía a marca de partidos xogados co Celta (534), demostrou que tamén sabe gañar diante de rivais europeos de entidade coma o Nice.

Segunda vitoria consecutiva en Balaídos na competición continental que amosa tanto o excelente nivel competitivo do equipo de Giráldez (noveno de 36 participantes nesta Liga Europa) como algunha das costuras deixadas á vista por Marcos Garcés á hora de confeccionar o cadro para a tempada actual; sendo a máis evidente a ausencia dun enganche creativo de talento, que substituíse a Fer López e Gabri Veiga, proporcionando a fluidez e a calidade que neste inicio de curso se están botando tanto en falta.

Responsabilidade asumida por Iago Aspas, na noite da súa emocionante homenaxe como o céltico que xogou máis partidos. Un espectáculo extraordinario, precioso, iniciado pasadas as once da noite, tras a finalización do partido e coa bancada emocionada nos seus asentos, que pola súa orixinalidade e beleza pasará a historia dos días felices do celtismo. Outra alfaia máis dese excelente traballo de comunicación do club de Marián Mouriño, baseado na creatividade, utilización punteira das tecnoloxías dixitais e orgullosa das voces do relato en lingua galega.

E se non abondase, foi tamén Aspas o mellor dos celestes diante do Nice, un equipo incómodo, moi físico que, como lle sucedera ao Celta coa Real Sociedade, xogou unha hora en inferioridade numérica, tras a dobre tarxeta amarela de Clauss, o seu capitán. Merlín de Moaña ou Príncipe das bateas que nesta noite europea e aos seus trinta e oito anos xogou ao máximo nivel os noventa e catro minutos disputados. Un Aspas que nunha forma física envexable e cunha madurez na concepción visionaria do xogo marcou apenas transcorridos dous minutos, no primeiro ataque, cun cacheirón dende vinte e metros na frontal da área, potente e preciso, un xute tecnicamente sofisticado ao alcance só das estrelas.

Homenaje a Iago Aspas con drones en Balaídos

RCCV

Inicio magnífico de Iago dun partido que se presentaba prometedor para os de Giráldez, ao que os de Haise non lle perderon nunca a tensión e empataron decontado, apenas no primeiro cuarto de hora. Foi na enésima empanada da tempada dos centrais celestes, a que permitiu a Abdul Samed detectar o desmarque do seu compañeiro Cho que de excelente xute cruzado bateu a un Radu vendido. Igualábase un partido no que se mediron dous debuxos tácticos idénticos de tres centrais, catro medios e tres puntas, aínda que distintos no seu funcionamento, con máis variantes o de Claudio, que ensaiaba unha parella inédita de medio centros, Beltrán (atrás) e Miguel Román, moi por diante, cun resultado discreto.

O empate deulle azos aos xigantes franceses, moi contundentes (até o límite) nos duelos e na presión, o que dificultaba a saída ordenada que tanto lle gusta a Claudio. Tras un saque de recanto, Radu salvou unha cabezada de Abde que vimos como entraba. O Celta pasou momentos de confusión superados en canto Aspas se fixo cargo da creación de espazos e Carreira e Bryan Zaragoza, o extremo na súa mellor actuación como celeste, toleaban cos seus caneos e mudanzas de ritmo á defensa francesa. Desa dinámica naceu a expulsión de Clauss que revirou o devir do partido.

Tras o intervalo e coa entrada de Borja Iglesias, o xogador hoxe máis diferencial do cadro, que substituíu a un Hugo Álvarez irrecoñecible e desconectado do grupo, comezou o tremendo asedio celeste que durou media hora, até que o compostelán marcou o gol que daría os tres puntos. Sen perder nunca a paciencia e a confianza, os célticos intentaron asaltar a portaría de Diouf. Entraron dende as bandas de Zaragoza e Pablo Durán, xutaron dende a frontal Román e Beltrán e desembarcaron novas ideas e pernas frescas para as bandas coa entrada de Rueda e de Mingueza. Sería o catalán quen atopou a fenda na área para que Borja rematase, o porteiro despexase con apuros e o compostelán empurrase o balón a portaría, para que o francés Oppong acabase de introducilo entre as redes.

Fieis ás tradicións celtistas máis xenuínas, co resultado a favor, os minutos finais devolveron os temores á bancada que medrosa (o silencio en Balaídos é escaso e pouco frecuente) comprobaba como os franceses, que até entón deixaran a Radu como mero espectador, con cada unha das conducións polas bandas e catro saques de recanto seguidos, nos que subiu a rematar o porteiro, creaban o pánico entre os celestes que non daban avío e ameazaban derreterse como os xeados nunha tarde de verán. Por ventura, a pesar da incomprensible distracción xeneralizada dos nosos, os visitantes amosaron nula eficacia na finalización, todo un alivio.

Co derradeiro asubío do colexiado neerlandés, abriuse a merecida e emocionante homenaxe ao capitán celeste. Axiña o voo dos drones, o relato épico da súa traxectoria deportiva e as súas palabras agradecidas racharon coa pana e fixeron esquecer os minutos vividos do celtismo do padecer. bretemas.gal

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents