Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | De bolina

Falar idiomas cos Ig Nobel

De investigacións estrambóticas con ambición científica

Malia o paso do tempo -o autor destas crónicas semanais levaba daquela na súa conta corenta e tres anos menos dos que agora computa-, acórdame con toda clareza a pequena historieta. Estabamos no desaparecido O Buraquiño da rúa da Seara. Comeramos alí decididamente ben e beberamos adecuadamente. Entón, xa postos na sobremesa, andabamos cos cafés e aínda con fechas de augardente a fin de alixeirarmos como lle cómpre as dixestións. A televisión estaba prendida e nun momento determinado deron unhas imaxes procedentes de Moscova: Leonid Brezhnev pronunciaba un discurso sobre algunha cuestión que xa non podo precisar. E foi nese momento cando un dos dos meus compañeiros de mesa adiantou: «Quen me dera entender o que está dicindo ese home!»

Chamábase Paco e era un honradísimo comunista, devoto seguidor do xeneral Líster. Insensato de min, e coa arrogancia dos licores, atrevinme a chancear: «Non te procupes, Paco. En realidade, Brezhnev fala coma nós, só que cun acento un tanto raro.» Caro Paco: onde queira que foses dar, disimula que repita aquí e agora semellante desatino.

E vén a conto o relato porque velaí que nestes pasados días se celebrou na Universidade de Boston a tradicional gala dos premios Ig Nobel destinados a premiaren aquelas investigacións de carácter máis estrambótico pero dotadas asemade de ambición científica. Creados en 1991, os Ig outórganse a descubrimentos que «non poden ou non deben reproducirse» e velaí, por citarmos algúns exemplos, o caso de Jaques Beneviste, corresponsal da revista Nature, quen recibiu o galardón pola descubera de que auga, H2O, é un líquido intelixente, demostrando por completo que é moi quen, ademais, de lembrar -a auga, sempre, reitero- determinados eventos moito tempo despois de que todo ronsel dos mesmos teña desaparecido ( xa o advertía Bruce Lee: «Be water, my friend!»). Ou, así mesmo, o de James F. Nolan, Thomas J. Stillwell e John P. Sands, Jr., «médicos de misericordia», por mor do seu minucioso informe de investigación «Tratamento agudo do pene atrapado nunha cremallera». Ou aínda, e xa con protagonistas máis próximos, os profesores Antonio Mulet, José Javier Benedito e José Bon da Universidade Politécnica de Valencia e da Universidade das Illas Balerares, respectivamente, polo seu estudo «Velocidade ultrasónica no queixo cheddar afectada pola temperatura.»

Pois ben: eis que entre os galardoados no ano en curso, eis que os investigadores Fritz Renner, Inge Kersbergen, Matt Field y Jessica Werthmann veñen de obter o seu Ig Nobel por viren demostrar, sen ningún xénero de dúbida, que «beber alcohol mellora ás veces a capacidade dunha persoa para falar un idioma estranxeiro.»

Si, vale; de acordo, ok McKey. Certo é que, quen máis quen menos, todos sospeitabamos desde sempre -e para alén desoutra historia de que «se lles falas moi amodo, os estranxeiros, sexan rusos, xaponeses ou da Groenlandia do medio entenden perfectamente o noso idioma»- que, en efecto, unha inxesta suficientemente xenerosa de viño, cervexa, ron, vodka.... ten o poder de podermos expresarnos en calquera lingua allea e, singularmente, se se trata do arameo. Mais con todo, coido ben que non lles debemos restar méritos aos citados investigadores: con certeza que o resultado da súa procura ha de servir de alivio para todos aqueles e todas aquelas que tropezan (tropezamos) unha e outra vez na ciclópea tarefa de aprender un falar alleo. Vaia, que se as penas con pan son menos penas, a aprendizaxe do inglés cun gintonic á man devén menos terrible.

En fin, chegados aquí, déixenme que lles relate aínda outra pequena anécdota. Hai xa algún tempo que X.L. Méndez Ferrín -saben Vdes. que escribe aquí ao lado, na porta situada máis á esquerda-, e nun moi evidente exceso de amizade, me foi cualificar en público como políglota. Nese momento veume á memoria esoutra historia do gran lingüista Roman Jakobson: el si que dominaba sete idiomas, mais matizaba, con excesiva modestia, que todos eles os falaba... en ruso. Pola parte que me toca, fun consignar que acontece que todas as miñas capacidades de políglota veñen expresarse apenas en nativo galego de Betanzos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents