Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Virtudes mundanais

Cada vez acredito máis na tua pose. Coma se fose a máis normal do mundo. Como se a túa vida representara o modelo ao que debemos aspirar. Recoñezo que ás veces fáiseme raro, pero é cousa miña, debo estar errado pois ninguén te cuestiona. Xa nos acostumaches a que as cousas acontezan ao teu xeito e segues acumulando fans (eu entre eles), así que o plan funciona.

Ás veces despistas con algún pensamento máis filosófico, pero rápido te focalizas nas virtudes mundanais: poder, fama e o «vil metal». Son cartos o que queres. Parece obvio. Antes preguntábame se posuír máis e máis non sería un problema. Agora aprendino: «Nunca hai dabondo!», ese mantra que sempre repites.

É que con moita guita afaste aos gustos caros. Comezas de Zara, sobes a Roberto Verino e de Prada xa non baixas. Co albariño igual, seguro que algunha vez cediches ante un «cosechero» (polo menos de Cambados), agora supoño que por menos dun Coto de Gomaríz 2019 nen te sentarás á mesa.

Incluso podes facer como aquel que gastou 22.000 euros nunha garrafa dun viño francés. Que nariz a del! Nada de criticar, eh?, fixo ben, senón para que se queren os cartos. Para gastar! Por iso entendo que cando superas a fase «acumulativa» a seguinte será a política. Se cadra tamén quererías un Premio Nobel, o da Paz. Que menos! Agora danllo a calquera. Incluso, xa se comenta, que hai un instituto de Sevilla de candidato para o vindeiro ano.

Ollando o Instagram, polas fotos que compartes no Facebook e os videos tan choqueiros do TikTok matino que o teu día a día é fabuloso. As nosas vacacións acostuman a ser no verán, só que ti ao estar sempre currando, deso non tes.

Malpocado. Aproveitas os festivos. Fas escapadas. A última á Riviera Maya, a semana pasada. Ou a visita «de finde» a Mykonos! Coches, motos, reloxos... e o iate!, ninguén lle chamaría iate a iso, pero pase; igual que o chalé. Entendo que disto vai a tua vida. E por iso encántanos.

Que os cartos veñan deste ou aquel negociete, pouco nos importa. Se é inmobiliario, que usté lo gentrifique bien! Se son produtos químicos na India, minería en África, cultivos transxénicos en América do Sul ou roupa nalgún país asiático, perde coidado. Alguén terá que tratar diso. Se non foras ti, sería outra persoa. Agora que te coñezo máis, sei porque te critican, é envexa. Claro que hai moito beneficio, pero... e o risco? Eses que te xulgan deben esquecer o que te xogas. Sen pensar logo nos impostos... A simple vista parece moito carto, logo paga daquí, paga dalí, doazóns... rápido marcha. En fin... que moito ánimo e agardo as fotos no resort de Gaza!

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents