Opinión | Campo de Granada
Paseo e horizonte
Un exercicio lexítimo de melancolía e xustiza poética en torno ao paseo de Afonso

Obras no Barrio do Cura. / Marta G. Brea
A estrutura de formigón do edificio Ardora do Barrio do Cura xa impide ás persoas que se asoman ao miradoiro do paseo de Afonso ver os tellados da igrexa e do convento de San Francisco. Nada estraño para quen visite os espazos virtuais da promotora, onde se poden identificar como as alturas en superficie do edificio, que vai dende a baixada de San Francisco á que foi a fonte e lavadoiro da Barroca na rúa Poboadores, ocultarán a vista do mosteiro máis antigo da vila e cidade de Vigo, incendiado por Drake en 1589 e do que xa tiñamos constancia no plano esbozo de Vigo de 1597 de Leonardo Turriano, no que no promontorio elevado sobre o mar se identifica a capela de Santa Marta fundada polos monxes cistercienses de Melón.
Igrexa e convento franciscano rematados en 1774, cuxos membros participaron en episodios da Reconquista, onde tras a exclaustración se fundou en 1839 a Casa de Caridade, hoxe centro de menores e comedor social. Edificación inmortalizada polo inglés George Vivian nun gravado, que constituíu, xunto ao castelo do Castro, a imaxe máis emblemática do primeiro Vigo urbano.
Primeira decepción visual da intervención urbanística sobre o Barrio do Cura, que non será a última, xa que a construción dos outros dous edificios, Lúa e Estrela, que ocuparán as rúas Pi e Margall, Llorente e Santa Marta, cegarán as vistas desde unha parte da beirarrúa voada dos estaleiros e do porto de Bouzas e mesmo unha parte da illa sur de Cíes.
Contando cos permisos urbanísticos do Concello e cos de Patrimonio da Xunta de Galicia, roubarase a viguesas e visitantes unha propiedade comunal de valor emotivo incalculable, ese anaco de horizonte, no solpor a imaxe máis luminosa e fermosa da propia cidade, onde cada serán no miradoiro case centenario, ao abrigo da oliveira, centos de persoas atopabamos os ollos do porvir e os camiños do mar da nosa cidade atlántica.
Certo é que nas páxinas da promotora prométese recuperar algunha das derradeiras vivendas mariñeiras viguesas, como reclamo etnográfico e de protección do patrimonio, ademais de anunciar que a nova praza miradoiro de acceso público constituirá «un innovador ámbito comercial, que xerará un foco de actividade económica e social importante». O que traducido á fala viguesa significa que os promotores pensan que empreñamos co vento e ademais das vistas espectaculares anunciadas para as vivendas máis exclusivas, con prezos ao alcance de moi poucos, no novo miradoiro se instalarán bares cool con terraza con vistas a ría e o Berbés para o gozo dos que poidan pagalos.
Xaora, a cuestión do miradoiro —proxectado en 1928 por Jenaro de la Fuente como balconada artística e remodelación de todo o paseo de Afonso, para substituír o deteriorado muro de contención sobre a rúa Poboadores e permitir duplicar a vía do tranvía— ten gran importancia para o patrimonio vigués polo que esta actuación supuxo de modernización urbana.
Empregou o formigón armado para soster a beirarrúa voada, apenas 0,75 metros sobre o muro. Coidou o acabamento artístico nas balconadas rectangulares e dúas semicirculares máis voadas que o resto, onde alternan floreiros coas figuras dos querubíns pétreos sostendo os escudos de Vigo e de Galicia, pezas escultóricas, obra de Camilo Fernández «O Roxo».
Como novidoso foi o forxado da varanda, probablemente realizado nos obradoiros de La Industriosa de Sanjurjo Badía, como pensa o historiador Xosé Ramón Iglesias Veiga. Paseo de Afonso que ten a súa orixe en 1875 arredor da fonte da Falperra, concibido como punto de encontro, a saída e entrada do Vigo que comezaba a estenderse seguindo a estrada de Baiona. Paseo de Afonso, onde ademais do bulevar arborado e a beirarrúa voada, a oliveira e as súas fontes, cómpre non esquecer o quiosco para venda de flores, proxectado con linguaxe racionalista por Emilio Bugallo Orozco e inaugurado o 28 de marzo de 1943, dedicado a partir da década de 1950 a venda de prensa.
Lamentar este roubo dunha liña do horizonte é un exercicio lexítimo de melancolía e xustiza poética, que ninguén pode impedirnos, coma xa provocaron respostas emotivas outras desfeitas urbanísticas viguesas ou a equivocada retirada do tranvía en tempos de Portanet.
Secasí, os cidadáns posuímos ademais o dereito de opinar e propoñer, como sucedeu cando hai máis de dúas décadas solicitabamos a peonalización do paseo de Afonso, hoxe por ventura irreversible, convertido en gozosa sala de estar do tardeo vigués e da celebración de solpores espectaculares dende os seus miradoiros. Razón pola que non estaría de máis que o propio Concello de Vigo fose quen solicitase a declaración da beirarrúa voada, incluídas as súas esculturas, farois e enreixado de ferro, como ben de interese cultural, gozando así dunha protección que impida un futuro espolio. O ben feito ben o parece. bretemas.gal
Suscríbete para seguir leyendo
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Condenan a un supermercado a indemnizar a 76 trabajadores gallegos por practicar «esquirolaje organizativo» durante una huelga
- Oceanográficos tiran «cientos de kilos» de pescado al mar por el veto al quiñón
- Toralla prohíbe los pisos turísticos antes de la apertura de la isla a Vigo
- Augas alerta al Concello ante el «riesgo de desabastecimiento de más de 400.000 personas» en Vigo
- La Xunta mantiene en el aire el disuasorio planeado en la autovía
- Los jugadores del Espanyol saltaron al campo con mascotas en sus brazos para concienciar contra el abandono animal
- Davila 12/11/2025
