Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Segunda feira

Con Cordal

Dise que o escritor Xabier Cordal Fustes se xubila como docente. Eu, agora, considero que, se remexo no fondo da memoria, o máis ruidoso da súa vida literaria ten sido Ronseltz. Colectivo este de mozos trastes que, con Cordal, querían rachar o mundo mediante a sátira literaria. O libro colectivo levaba o título de «Unicornio de zanorias que cabalga os sábados» (1994). Co seu nome propio, Cordal deunos textos de alta calidade poética, elocuentes e no límite do aceptábel na historia literaria. Os seus libros asinados foron marcando unha época que é tamén a que hoxe vivimos: Arrianrod, Fruto do Teixo, Afásia, A vella que peneira a noite, Transmuta, Resistencia da auga. Chocan e fragméntanse para se reuniren, en orde diversa, varios sistemas poéticos en cada poema e en cada libro de Cordal. O autor afincou en Mondoñedo un tempo clave da súa biografía. Naquela cidade sentíase coma un barco varado. Pareceume, sen embargo, que el estabas en permanente tensión creativa. Tal vez foi a saudade, que pillou por sorpresa ao rapaz que, desde Monte Alto foi vivir tendo como veciño o espectro de Álvaro Cunqueiro. Foi cando el chamou por min para ler uns meus poemas. Eu confundinme, de propio intento, introducindo un texto, precisamente de Cordal, entre os meus. Agradeceume o xogo e tamén que eu non falase mal de Noriega Varela. E os diminutivos saíron de debaixo dunha tella de Santa Catarina e rechouchiaron sobre a Sé catedralicia. Daquela, pónseme Cordal: «Noriega ser será un poeta vencido, pero no cemiterio de Mondoñedo tamén xace un indómito que é Leiras Pulpeiro». «Sígueme» —engadiu Cordal entusiasmado—. E conduciume por un carreiro semiclandestino ao Bosco de Silva, que é apenas unha devesa mínima. Despois regresamos ao centro da cidade. Moitos anos máis tarde, Cordal citoume en Cervo, onde el xa tiña apalabrados cabalos que nos levarían nunha subida colectiva, a san Andrés de Teixido. Falleille, daquela, a Cordal, e non penso ir nunca a San Andrés de Lonxe no que me queda de vida. Celebraría, sen embargo, que a un encargado cósmico das metempsicoses non se lle dea por me transformar en cascuda ou en lombriga intestinal.

Tracking Pixel Contents