Opinión | Voyager
Síndrome postaborto
«Non sabería nin por onde empezar. Eu era moi nova, non quería ter un fillo con aquela parella; era un maltratador —engade nun murmurio— e eu aínda estaba estudando. O primeiro que me preguntou cando lle dixen que estaba embarazada é era seu. Respirou aliviado cando lle comuniquei que quería abortar. Acudín á clínica morta de medo. Naquela sala estabamos todas igual.
Mirando cara ao chan por vergoña, desexando rematar o antes posible con aquilo e esquecernos para sempre. Como puideramos ser tan irresponsables? Sabes o peor de todo? O desprezo co que me trataron o psicólogo que me valorou e o médico que practicou o aborto. Ambos os dous eran homes. Non sabían nada de min. O primeiro fíxome sentir indecente. Se escoitases o xeito en que me preguntou como quedara embarazada (coma se houbese máis dun xeito!). Díxome: a ver, que pasou esta vez?
E despois, cun paternalismo insoportable explicoume que tiña que demostrarlle que estaba tan deprimida e me atopaba tan mal que a única maneira de recuperarme era abortar. O segundo fíxome sentir unha porción de carne en lugar dun ser humano. Doe moito, sabes? Abortar, digo. Polo menos naquel momento, non sei agora. Naquela padiola, espida de cintura para abaixo es tan vulnerable... A dor que sentín cando empezou foi tan salvaxe que me sobresaltei involuntariamente. El soltou un improperio e berrou que non me podía mover. Sabes, Ledicia? Ese foi para min a única síndrome postaborto, como lle chaman agora eses tipos que decidiron inventar un termo, sen base científica ningunha, para utilizarnos e luxarnos. A síndrome postaborto foi reconstruirme despois dun aborto legal, practicado en España primeira década do ano dous mil, logo de pasar polas mans deses dous desaprehensivos. Aínda penso neles a día de hoxe. Nunca esquecerei as súas miradas de desprezo, a súa condescendencia, toda esa violencia. Violencia sobre violencia. Non hai dereito».
Despois de escoitar ese testemuño nunha reunión de amigas que derivou nunha sorte de catarse ao fío dun comentario arredor da polémica sobre o aborto, fíxose un silencio cómplice. «Na actualidade segue doendo igual, iso non mudou», apunta outra. «Parirás con dor, abortarás con dor... É un xeito de castigarnos. Se non xa me contaredes por que é tan fodidamente doloroso. Eu abortei cunha pastilla hai un par de anos e xúrovos que era coma se me estivesen arrincando as entrañas.
Unha tarde enteira sufrindo espasmos, cada cal máis esgazador ca o anterior. Xamais sufrira unha dor tan lacerante, tan difícil de soportar. Imaxinade por un momento que fosen eles. Refírome aos que acuñaron esa abominación da síndrome postaborto. Tolerarían iso? Ou estarían sacodendo a industria farmacéutica ata conseguir interrupcións de embarazos indoloros? A síndrome son eles, amigas, non o vedes?». A pregunta queda uns segundos flotando no aire ata que intervén a terceira: «A miña tía tivo que ir a Ámsterdam nos anos oitenta, cando a interrupción do embarazo levaba aparellada pena de prisión. Era o turismo abortivo. Conta que o avión estaba cheo de mulleres que viaxaban ao mesmo ca ela. Daquela, ter os cartos para viaxar a Londres ou a Holanda podía ser a diferenza entre a vida ou a morte. Cantas mulleres perderon a vida no medio dun aborto clandestino? Non hai rexistros, é imposible coñecer a cifra. Vistes a película O corno, de Jaione Camborda? As mesmas mulleres que exercían coma parteiras, ás veces prestábanse a practicar abortos. Que ben o contan nese filme. Era outra maneira de estigmatizarnos, de perseguirnos, de condenarnos.
Igualiño ca ás bruxas». Cústame falar despois de escoitar eses relatos. Ata que lembro algo que me contou María Xosé Queizán hai anos: «Eu vin unha foto na casa de María Xosé. Estaba ela con outras compañeiras feministas, nunha manifestación nos anos setenta, sostendo unha pancarta que me pareceu brutal: ABORTO LIBRE E GRATUITO. Sabedes que me dixo? Que unha das consignas que berraban alzando a pancarta era: FÓRA OS ROSARIOS DOS NOSOS OVARIOS. Contoumo e botouse a rir». Seis anos de prisión por interromper o embarazo, turismo abortivo, abortos carniceiros, miles de mulleres mortas por prácticas clandestinas...
Canto custou chegar ata aquí, malia que abortar siga sendo un estigma, e que fácil é que perder os dereitos. Séculos para gañalos, segundos para perdelos.
- Homicidio en la estación de autobuses de Vigo: «Llama a la Policía que mataron a Roberto, está lleno de sangre»
- Pide ayuda para encontrar un sobre con dinero que perdió en Cambados
- La Xunta niega la jubilación a un profesor de Vigo con una depresión «irreversible» diagnosticada por tres especialistas
- Las gallinas de los corrales de 40 concellos de Galicia, confinadas para frenar la gripe aviar
- Cinco familias demandan por acoso escolar al Compañía de María de Cangas
- Pesar en Silleda por la muerte de Vicente Dacosta a los 41 años
- El hostelero investigado por el caso del agua contaminada con sosa cáustica: «El problema vino de la botella»
- La chapelana Rosana González, reina de la belleza
