Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | De bolina

Speaking English

«Por que nos resulta tan difícil o inglés? Hai outras xentes, como é o caso dos portugueses, que teñen moita máis facilidade ca nós para aprendelo e falalo! E por que escriben en Londres dun xeito e logo pronuncian doutro?»: velaí as preguntas que se veñen facendo algúns/algunhas lectores destas crónicas semanais ao tempo que -e na miña calidade de filólogo- se dirixen ao autor das mesmas na procura de que un servidor lles ofreza algunha clase de resposta. Pois ben, antes de máis nada, hei de aclarar que non deveño, nin de lonxe, un especialista no idioma de Shakespeare e que, ademais, comparto aínda esas mesmas dificultades. Non obstante si que lles podo aclarar a Vdes. que as capacidades para manexarse nunha lingua allea son debidas a un conxunto de factores de diversa tipoloxía e, en última instancia, a esoutras aptitudes de carácter individual. Xa que logo, paciencia, meus e miñas. Pero vaia; respecto da lingua inglesa si que vou tentar algunha aportación nas liñas que seguen.

«Pig», para cando o «porco» está vivo, e «pork» cando o chega á mesa. Pero así mesmo «cow» e «beef» («vaca») ou «sheep» –cando a «ovella» anda a pastar- e «mutton» cando a imos poñer no lume: velaí tres distincións exemplares. Hai máis: todas elas a se explicaren polo feito de que os vocábulos que desginan o animal vivo teñen orixe anglosaxoa; mentres, esoutros de carácter gastronómico proceden do francés. Sen dúbida, un dobre filón -é dicir, a mestura entre o elemento latino e aqueloutro xermánico- que está detrás da singular complexidade do idioma do que estamos a falar e eis, por exemplo, «to end» e «to finish» para «rematar»; «to look for» e «to search for» para «buscar»; «folk» ou «people» para «xente»; «work» e «labour» para «traballo»; «deep» e «profound» para «profundo» ou «holy» e «saint» para «santo» e un longo etc, etc.

Habitada por poboacións de orixe céltica, Inglaterra foi conquistada polos romanos, e por máis que o país non se romanizase no plano lingüístico, si que o latín está presente decote no inglés. Mais xa por volta do ano 449 tivo o lugar o desembarco de anglos, saxóns, xutos e frisóns, xentes de ascendencia xermánica e, desde logo, fundamentais para a constitución dunha nova forma lingüística.

Mais a cousa non concluiu. Para alén da aportación escandinava -falamos das incursións wikingas sobre a Gran Bretaña-, eis que, procedente de Normandía e tras resultar vencedor na batalla de Hastings (1066), Guillerme I foi conquistar Inglaterra. Con el e mais os seus descendentes no poder até mediados do século XIV, e mentres o inglés continuaba a ser a lingua popular, veu resultar o francés o idioma das clases dirixentes. O escudo do Reino Unido dá boa mostra, polo demais, de semellante circunstancia aínda nos nosos días: «Dieu et mon droit».

Transformar «fish» en «ghoti”: velaí a chanza que George Bernard Shaw imaxinou nunha hipotética reforma da ortografía inglesa. En efecto, o «gh» viría referenciar o «f» tal e como acontece en «enough»; da súa parte, o «o» serviría para o «i», como sucede en «women». Finalmente «ti» representaría o «sh» do mesmo xeito que o fai en «nation».

Pero, vaia: tal semella que un dos motivos da moi elevada incongruencia ortográfica da lingua de Shakespeare reside no feito de que, a fins do século XV, os impresores de Inglaterra decidiron resolver polas bravas as dúbidas existentes, de tal forma que foron fixar por escrito as palabras sen atenderen un momento por Deus nin tampouco polo demo. É dicir, antes de que os escritores chegasen a formular un acordo e, desde logo, a que se fose constituír -en realidade, nunca chegou a acontecer tal nin sequera na nosa actualidade- unha posible Academia da lingua inglesa.

En fin; coido que tanto Vdes. como este, seu cronista, non teremos, pois, outro remedio máis que acudir á paciencia no noso propósito de aprender inglés. En todo caso -e se ben que «mal de moitos é consolo de…», lembremos outra volta a Shaw quen afirmaba -con respecto á fala dos Estados Unidos- que se trata de dous países separados por unha mesma lingua.

Tracking Pixel Contents