Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Marcos Torres Gómez

Un elo máis na cadea da fe

Miroume aos ollos e, cunha seriedade e solemnidade estremecedoras, díxome: «Sea siempre un pastor de amor y de misericordia».

Hai días nos que a gratitude pesa máis que as palabras. Cando un sente o cariño da xente, cun respecto tan sinxelo coma certo, e mans achegadas sen estrondo, entende que non é outra cousa que unha caricia de Deus a través do seu pobo.

Porque todo é don: a vocación, o servizo, os lugares e as persoas que o Señor pon no camiño. Nada é noso. Nin o tempo, nin a palabra, nin os outros, nin o pequeno espazo de historia que nos toca habitar. A vida dun crego é de Cristo e para Cristo. E o máis grande que podemos facer é gastarnos e desgastarnos por El e polos seus, ata quedar sen nada, coma unha vela que se apaga dando luz.

Quen sabe que traerán os días e as noites? Ninguén o sabe, só Deus. Pero si sei que a súa vontade –que para un sacerdote se manifesta de modo especial na docilidade ás decisións da Igrexa e daqueles que a guían– é sempre o mellor camiño. Porque nesa obediencia maniféstase a fe, e nela recoñecemos a man amorosa de Deus que guía a nosa historia.

Nos últimos días houbo unha recollida de sinaturas, xa rematada, que pretendía ser –e foi– un xesto de agradecemento pola labor realizada ata hoxe como sacerdote. Agradezo sinceramente esa mostra de afecto. Mais, se algo se fixo ben, foi por graza de Deus e pola vontade da Igrexa, que é quen confirma a vocación e nos ordena para servila. E, en rigor, o único que fixen foi ser un pequeno elo máis na longa cadea de fe desta terra, unha historia que comezou hai séculos e que continuará moito despois de nós.

É doroso ver ás veces que o cura se converte en noticia. Porque non debería selo. O centro é Cristo, e con El, os seus. Xa lembrara neste sentido o papa Benedicto XVI: «O sacerdote non se anuncia a si mesmo nin busca seguidores para si. Non é o centro, senón unha ponte cara a Cristo. O pobo que serve non lle pertence: pertence a Cristo.»

Nós, os curas, só estamos para servir, unir, consolar e conducir cara a El. Todo o demais é ruído, distracción e ego.

Grazas polo cariño. Seino inmerecido, pero tamén sei que é un cariño limpo, nacido do amor á Igrexa e ao sacerdocio que a serve. E iso conforta o corazón. Que este afecto compartido non se perda en palabras, senón que acompañe sempre aos que temos a misión de repetir e repetir o nome de Cristo… e retirarnos.

O 28 de outubro de 2016 tiven a graza de estar co papa Francisco, nun encontro posible pola bondade do noso bispo. Aquel día, o sucesor de san Pedro miroume aos ollos e, cunha seriedade e solemnidade estremecedoras, díxome: «Sea siempre un pastor de amor y de misericordia.»

E así, un elo máis na cadea. Hoxe, e ata que Deus queira.

*Marcos Torres Gómez é párroco de Lalín

Tracking Pixel Contents