Opinión | De bolina
Titulos, tetulites e titulares
Marqués de Sarria e conde de Lemos. Asemade conde de Monterrei, conde de Salvaterra e conde de Vilalba: velaí os títulos galegos que figuran asociados ao, senlleiro, de duque de Alba, a ostentar aínda aqueloutros de duque de Huéscar, conde-duque de Olivares, marqués de El Carpio… e todo un moi, pero que moi longo, etc. nobiliario.
Tantos e tantos señoríos e grandezas das Españas que hai anos fixeron correr mesmo o mito patriótico de que, de se encontraren perante do limiar dunha porta a señora duquesa —tratábase daquela da inefable Cayetana Fitz-James Stuart— e mais a raíña Isabel II de Inglaterra, tería que ser esta última quen lle cedese o paso á gran dama española e toma que toma, pérfida Albion! Como digo/escribo, unha lenda entusiástica que viña contrastar vivamente —ou non tanto; ao cabo, coñecidas deveñen determinadas tendencias pendulares por parte deste país de países e adxuntos, no que habitamos— con esoutras declaracións de fe por parte de adherentes ao estilo Gyl y Gil, taberna e taberna. Xa saben Vdes.: «Eu non teño títulos universitarios pero si que estudei na mellor de todas as universidades que existen: na universidade da rúa!» e, nin que dicir ten, todos quietos/parados e as mans arriba, que isto é un atraco.
Licenciado, enxeñeiro, arquitecto, avogado… como, con certeza han de ter noticia os/as —sempre moi amables— lectores e lectoras destas crónica, eis que noutros ámbitos —especialmente en Latinoamérica pero aínda por igual e, por exemplo, en Italia: «Avvocato Mazzola; Ingegner Rossi….»— resulta normativo e habitual dirixirse a alguén consignando a titulación académica/profesional desa persoa. Polo contrario, entre nós apenas prevalece o rótulo de «doutor/doutora» para dirixirse aos/ás médicos, e iso por máis que existan doutores/doutoras en xurisprudencia, enxeñería, física… ou así mesmo en filoloxía. Pero, vaia: os usos e costumes varían e non será cuestión de entrarmos en mixiricadas. Algo que non impide, porén, que no transcorrer deste último verán fósemos —e continuamos aínda niso na outoniza— a asitirmos ao enésimo revival da, acaso, sempiterna polémica arredor de títulos, titulites e titulares varios derivados da tal.
E como non podía ser menos, os/as protagonistas destacados de semellante controversia veñen ser, si ou tamén, políticos/as que, segundo as informacións que foron debullando os diferentes medios, non mostraron, nin mostran, o menor rubor, reparo, prudencia… na hora de se arrogaren diplomas para os cales nunca demostraron diante do pertinente tribunal ad hoc as súas capacidades. Polo demais, o andazo titulístico afecta por igual a destra que a sinistra: emulando, seica, a «ilustres» predecesores —velaí, por exemplo, un Luis Roldán—, a incerteza sinalou, entre outros, a xentes como Dna. Noelia Núñez ou D. Ignacio Higueras —do Partido Popular—, D. José María Ángel Batalla, D. Óscar Puente, Dna. Pilar Bernabé —polo PSOE— ou incluso a D. Carles Puigdemont, de Juns per Catalunya e Waterloo.
«Pois tampouco fai falta ser doutor en química, ou enxeñeiro de telecomunicacións para resultar un xestor aplicado; que, ao fin e ao cabo, iso é o que lle cabe pedir a un político e non que vaia gañar o Nobel!», obxectaron/obxectan aqueles que entenden que estamos a padecer un novo episodio desa doenza que denominan «titulite» e que, polo visto, devén endémica.
Pois ben; dúas cousas ao respecto. A primeira, elemental, é que cada vez que precisamos dos labores dun notario, dun avogado, dun arquitecto… e, xa non digo, dun odontólogo ou cirurxián, tal semella que si que nos fiamos dos títulos que os tales poden presentar e non prefiramos, polo contrario, os servizos daqueloutros que, por moito que digan saber de leis, de arquitecturas ou de medicina, non poden facer ningunha constancia de tal.
Canto á segunda —aínda máis elemental— eis que, se mire como se mire, si resulta ben pouco doado xustificar a contradición: e é que se de veras non se amosan tan importantes as certificacións, a que, entón, ese louco afán por pretender aparentalas? Da miña parte, e na procura de resposta, recomendaríalles aos tales que acudisen a un bo psicólogo ou psiquiatra (titulado). Pero, vaia, non me fagan caso: mellor, supoño, un ferreiro que nada saiba de zafras nin de fraguas mais, iso si, di controlar, pero que moitísimo, a psicoloxía (popular).
Suscríbete para seguir leyendo
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- Mercadona denuncia la venta desde Bueu de pescado que debía destruirse
- «Sin calefacción estamos todo el año a 21 ºC»
- La Navidad llega a Vigo con ilusión impermeable
- Descarrila un tren de mercancías cargado de toneladas de acero en As Neves
- El encendido de las luces de Navidad de Vigo en primera línea: aforo limitado y solo cuatro accesos a Porta do Sol
- ¿Cuál es el mejor día para ver las luces de Navidad de Vigo? Estos son los de mayor y menor afluencia
- El Paseo de Alfonso luce su nueva plaza-mirador
