Opinión | Voyager

Manuel Bragado, cronista de corazón

«Este libro naceu hai vinte e seis anos, cando comecei a publicar a sección semanal ‘Campo de Granada’ nas páxinas de FARO DE VIGO, nas que dende entón pretendo contribuír ao proceso de construción da memoria compartida nunha cidade con tendencia a compracerse en exceso no confortable esquecemento». Estas son as liñas coas que Manuel Bragado abre Vigo na liña do tempo, obra que acaba de ser publicada polo Instituto de Estudos Vigueses. No ano 2023, Bragado foi o comisario da exposición Vigo no tempo. Unha sorte de viaxe emocional e emocionante ao longo historia da cidade, que conformaba un relato sobre o carácter e a identidade viguesa. Do traballo de documentación necesario para abordar a tarefa (titánica) de comisariar unha exposición destas características —con máis dun cento de pezas artísticas, arqueolóxicas, bibliográficas e obxectos curiosos apegados á memoria de Vigo— naceu unha cronoloxía. E como sucede sempre que se aborda un proxecto co que existe un vínculo sentimental poderoso, a idea inicial medrou e desbordou coma un río. Hai unha pulsión que está relacionada coa creación que resulta difícil de explicar, porque aquilo que ten que ver co amor adoita manexar unha linguaxe que existe alén das palabras. Non se me ocorre outra maneira de definir a dedicación de Manuel Bragado á cidade de Vigo. É unha entrega desde o amor, mais tamén desde a fascinación por un Vigo que sufriu mutacións, pero que xamais perdeu o seu carácter anfibio, obreiro e atlántico. Escribiu Xosé Luís Méndez Ferrín nas páxinas deste xornal que «Bragado vive, certamente, un Vigo con raíces». As raíces de Bragado esténdense invisibles, coma un mapa de arterias, no subsolo do Campo de Granada. Talvez naceron dunha semente que caeu ao chan accidentalmente, cando a súa avoa Maruja vendía froitas e verduras nese mesmo lugar. E sobre esa arquitectura, este vínculo e esta entrega. Manuel, Manolo, entregouse á cidade. Á causa da cidade. Hai unha lealdade non solicitada con Vigo —e precisamente por iso ten tanto valor— do escritor, do editor, do mestre, do celtista, do cidadán, que é conmovedora. Vinte e seis anos publicando semanalmente os artigos do seu «Campo de Granada» nas páxinas deste xornal. Vinte e seis anos narrándonos a historia e a evolución de Vigo co rigor dun sabio. Sabían que nas Covas do Folón de Coruxo corre A Rega, un regato subterráneo no que en 1996 apareceron 53 pezas arqueolóxicas con 3000 anos de antigüidade? Ou que no ano 1000 a.e.c. aparecen os primeiros asentamentos humanos nas Illas Cíes? Ou que o primeiro documento onde aparece o nome de Vigo é do ano 1097? Ou que existen referencias de escravitude negra no 1568? Que no 1823 nace o primeiro periódico vigués? Isto é Vigo no tempo. Unha cronoloxía exhaustiva chea de acontecementos e curiosidades que nos ofrecen a vista de paxaro da cidade olívica. O pasado mércores tivemos a oportunidade de escoitar a Manuel Bragado narrar o xermolo desta obra nun acto celebrado no marco da Feira do Libro de Vigo. Eramos tantas persoas as que alí nos xuntamos que non entrabamos na carpa. Son testemuña da dedicación do autor. O seu compromiso é o dun intelectual meticuloso que coñece cada recanto de Vigo, cada reviravolta, cada peza, cada dato, cada segredo. Manuel Bragado é o cronista de corazón desta cidade. Mais tamén o é de facto. Tan só falta o recoñecemento formal. En Vigo todo chega e marcha polo mar. As gaivotas, os barcos, a brétema. No Campo de Granada están as auténticas raíces da cidade. Aquelas que a sosteñen e a coidan en silencio, coa discreción de quen non precisa levantar a voz porque se manexa na linguaxe da xenerosidade, mais coa firmeza de quen leva o peso da sabedoría e da honestidade sobre os ombros.

Tracking Pixel Contents