Opinión

Balconeo na academia

A Real Academia Española define ‘balconear’ como observar os acontecementos sen participar neles. O dicionario da Real Academia Galega non contempla esta palabra. En castelán ten un significado semellante á expresión máis común de mirar os touros desde a barreira, pero é máis curta, co cal aforramos saliva.

Lembro que cando era reitor enviei unha carta a Emilio Botín, daquela presidente do Banco Santander. Contestoume pronto, e na súa resposta indicábame que no futuro era mellor eliminar o «de» que escribira antes de Santander ao nomear ao banco. Dixo que, tratándose dun banco, o aforro sempre era benvido.

Retomando o do balconeo, estou a pensar que a RAE ben puido incorporar esta palabra ao seu dicionario inspirándose nun compañeiro que tiven na universidade. Era un tipo moi peculiar nas súas reflexións. Nunha ocasión díxome que sentía non vivir nun piso con balcón, desde o que animar ao estudantado nas súas numerosas manifestacións. En ausencia de balcón, non lembro que participase en ningunha, por certo.

Hoxe as mobilizacións estudantís son cada vez máis escasas. Quero pensar que o estudantado ten agora menos motivos para protestar, pero o certo é que tamén entre o persoal docente e investigador e o conxunto da comunidade universitaria hai unha crecente desmobilización.

Sen dúbida estamos desbordados por unha man chea de cousas que facer, tantas que apenas nos permiten levantar a vista do papel ou da pantalla. Desde as máis tradicionais da docencia e da investigación, ata a transferencia do coñecemento e a súa divulgación cara ao conxunto da sociedade, igualmente importantes e aliñadas coa —única— misión universitaria: mellorar permanentemente a sociedade a través do coñecemento.

Sexa como for, o certo é que esíxesenos facer máis e mellor cada día, pero os medios necesarios para iso non medran ao mesmo ritmo que as esixencias, e o tempo dispoñible simplemente non se estira nunca. Espérase de nós que sexamos homes e mulleres orquestra, sen termos os instrumentos nin o tempo para ensaiar.

Atrévome a dicir, porén, que o peor de todo é que temos que facer todo isto inmersos e afogados nunha burocracia crecente da que, dalgún modo, todos somos cómplices. Por exemplo, chámame moito a atención que un dos colectivos que máis burocracia reclama —aínda que quizais non sexan conscientes diso— sexa o estudantado. Quéreno todo por escrito, hiperregulado, previsto, detallado e mastigado. Da a sensación de que hai que darllo todo como papas para evitar atragoamentos cognitivos. Paréceme paradoxal que, no canto de esixirnos que lles axudemos máis a pensar, a crear e a explorar o máis humano da intelixencia, prefiran que o mecanicemos todo e lles deamos ben detallados os planos —máis que os plans— de estudo. ¡Mecanicemos a Universidade! podería ser agora o lema das súas pancartas, como se quixeran competir coas máquinas.

Centrarse tanto nos procedementos, pero non nos resultados, é como facer unha tortilla seguindo ao pé da letra un manual de ducias de páxinas e documentando rigorosamente cada paso, pero sen importar moito se a tortilla acaba ou non sendo comestible.

Moito me temo que o balcón da academia desde o que observamos os acontecementos sen participar neles chámase burocracia.

Tracking Pixel Contents