Opinión

Alejo Amoedo Portela

Centenario da Coral Polifónica de Pontevedra: o debut en Vigo con escenografía de Castelao

O pasado 9 abril foi un día moi especial para min. A Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra, dirixida por Nanette Sánchez, reproducía na igrexa de San Francisco de Pontevedra o concerto que ofreceran fai cen años neste mesmo emprazamento, e no que tiven a fortuna de participar como pianista. A actuación número 718 da súa historia, enmarcábase nos actos conmemorativos do seu centenario.

Castelao participou en 1925 na fundación da Polifónica de Pontevedra, co afán de contribuír, a través da música, á construción da cultura nacional galega. Foi cantor, membro da corda de baixos, e mesmo chegou a presidila (1929-1932). Do seu labor nesta entidade deixounos tamén un conxunto de escenografías que están entre as súas creacións artísticas mais monumentais e menos coñecidas.

Antes de xurdir a Coral, Castelao quixo poñer en marcha un «teatro de arte», sendo aceptada a suxestión de Iglesias Vilarelle da creación dunha sociedade coral. Con Blanco Porto como director e Losada Diéguez como presidente, naceu a coral pontevedresa un 3 de febreiro de 1925.

O primeiro concerto da Coral en Vigo, organizado pola Sociedad Filarmónica de Vigo, tivo lugar un 11 de maio de 1926 no teatro Odeón, espazo deseñado por Michel Pacewicz que contaba cunha capacidade total de 794 cadeiras. Pouco antes do debut vigués a prensa da nosa cidade, El Pueblo Gallego, publicaba unha columna titulada «Vigo desea oír a la polifónica de Pontevedra»subliñando o éxito do seu primeiro concerto no Teatro Principal de Pontevedra o 23 de marzo do 1926, indicando que ese acontecemento artístico suscitou en Vigo «una intensa avidez de comprobar directamente lo que tan justos y linsonjeros testimonios han propalado».

O concerto, dividido en tres partes, como era habitual na época, contou co pano de boca, deseñado por Castelao, que representaba ao Rei David. Na primeira parte, con música de autores antigos e modernos, interpretaron o coral «Freuet euch, ihr Christen alle» de Bach; o madrigal «Vinde ledos» de Roland de Lassus en tradución de Filgueira Valverde e Iglesias Vilarelle; «Serenata de cuatro galanes a una dama» de Borodin; e «Don Joan i Don Ramón» de Pedrell. A segunda parte, dedicada á música sacra, aparecía coa portada dunha igrexa románica, interpretando «O Sacrum convivium» de Ludovico Viadana; «Crux Fidelis» de Juan IV de Portugal; «Hicvir» de Victoria; «Ecce quomodo moritur» de Händel; e o «Exultate Deo» de Palestrina, cantado detrás dun gran rosetón de vidros de cores. O ambiente estaba perfumado con cheiro a incenso, aplicando Castelao técnicas sinestésicas. A terceira parte, dedicada á música popular, comezou con «Los mozos de Monleón» de Benedicto; «Stjenka Rasin» de Swerkoff; «El cant dels ancells» de Millet; rematando coa peza «Por qué choras niña prenda?», canción harmonizada polo P. Luís María Fernández Espinosa. Ao finalizar o concerto a Filarmónica agasallou aos compoñentes no Hotel Continental, sentándose na mesa os directivos e o alcalde da cidade, Gregorio Espino. Segundo a prensa, o evento produciu un enorme entusiasmo, louvando a innovadora imaxinación de Castelao .

Finalizo dando os parabéns á Coral por reafirmar o seu papel como símbolo de identidade cultural galega, gracias ao esforzo da súa directora, o seu presidente, Carlos Valle, coristas e colaboradores. Tamén polos últimos galardóns, no que destacan a Medalla de Ouro «Marcial del Adalid» que concede a Real Academia Galega de Belas Artes e o Premio Pontevedreses do Ano 2025. Con este aniversario no só se celebra o pasado, senón que se mira ao futuro, renovando o compromiso co canto coral entre as novas xeracións.

Tracking Pixel Contents