Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alberto González-Garcés Santiso

O espírito das maceiras

Tal como conto no meu libro Somos o que imaxinamos, moitas mañás cedo, despois do almorzo, vou pasear polo mundo. Unhas veces lonxe, outras busco algún fermoso lugar de Galicia. Esta mañá, recordando as pandeireteiras de Mens, aló me fun, a Mens. Observei as súas torres do século XV e no meu maxín vin as catro mulleres cantando acompañadas polas súas pandeiretas. Pensándoo ben, non sei se eran elas ou as súas descendentes, esas que Manuel Cajaraville integrou tantas veces na agrupación Aturuxo. Cantaban unha entrañable lírica e música popular que desafortunadamente vai esmorecendo co paso do tempo. Como di o meu admirado Antón Santamarina, membro da Real Academia Galega, non chega con recordar as cantareiras o 17 de maio, hai que recordalas e festexalas todo o ano. Iso é o que estiven a facer neste entresoño.

Xa que estaba por Bergantiños pensei en acercarme a Berdoias, privilexiado cruce de camiños da Terra de Soneira que che permite decidir se vas a Corme, Laxe, Muxía, Fisterra, Muros, Santiago, A Coruña ou a outros moitos lugares. No camiño pasei por Morriña, esa aldea imaxinaria, e vin os sete nenos protagonistas da excelente e recentemente publicada novela O espírito das maceiras, de Silvia Tasende. Alí estaban os sete xogando, brincando e gozando dunha forma de vida que está a desaparecer.

Senteime á sombra dun cabaz e vin como os nenos observaban bolboretas da sorte, as patinaxes artísticas das zapateiras, interpretaban o prognóstico do tempo das xoaniñas, recollían macela, bebían auga sabedora do pozo, bañábanse no río, invocaban o espírito das maceiras baixo as cincuenta froiteiras da horta, tiñan os seus primeiros inocentes e furtivos amores… De súpeto o inesperado, e vanse crebando antigos soños. Os anos pasan, os tempos cambian, os nenos xa son homes e mulleres. Vou vendo como todo evoluciona, como, en realidade, vai mellorando. Mais no proceso, por varios e distintos motivos, vanse deixando as casas do rural para ir ás cidades.

Volvín en min. E seguindo O espírito das maceiras, novela que recomendo que lean con tranquilidade e atención, púxenme a reflexionar sobre as implicacións do abandono do campo, as súas vantaxes, os seus inconvenientes, os problemas prácticos de vivir lonxe das cidades, o significado do desleixo da herdanza. A novela expón a dúbida de se podemos permitirnos que o gran capital que paga unha boa cantidade de diñeiro pola nosa vivenda, representado na novela por un hipotético hipermercado, substitúa a casa das nosas raíces e da nosa cultura. Difícil decisión cando entran en xogo os cartos, moitos cartos.

Sen historia e sen tradición non hai cultura, dicía a galego-brasileira Nélida Piñon. Non podemos perdelas. Pero temos que buscar solucións viables e adecuadas, quizais moldeando e adaptando moitas cousas, para evolucionar e renovarnos mantendo vivas as nosas raíces. Non é fácil ser coherente se a economía aperta.

Compartir el artículo

stats