Opinión

Manuel Blanco Villar

A Casa do Patrón, destino ideal para os estudantes galegos

No nome do Museo Etnográfico Casa do Patrón de Lalín quero expresar o noso máis profundo agradecemento pola visita de alumnado de preto de 100 colexios galegos á esta Institución, que tivo a inmensa honra de recibir a máis de 4500 nen@s, cos seus respectivos profesor@s, ao longo do curso 2024-2025 que acaba de rematar, que constitúe para nós unha verdadeira honra e todo un privilexio.

Esperamos que a súa estancia neste verdadeiro ecomuseo do mundo rural galego fora do seu agrado, e contamos de novo con todos os Colexios, Institutos e Universidades galegas cara ao vindeiro curso 25-26, aos que tamén lle pregamos que nos envíen as suxestións e propostas de mellora que consideren oportunas, que estudaremos co máximo cariño, para a súa posible incorporación ao noso programa de actividades. Agradecer igualmente aos máis de 150 estudantes de grao e mestrado de varios campus das Universidades de Santiago e Vigo, que elixiron este Museo para realizar as súas prácticas. Consideramos que as excursións, visitas guiadas ao Museo Casa do Patrón, ao Castro de Doade, á aldea de Codeseda e á Contorna Natural Biosaudable de Entre Ríos, enriquece a experiencia educativa dos estudantes, que obteñen uns importantes coñecementos complementarios, dun xeito ameno, incluso lúdico, gozando da beleza e a liberdade dunha paisaxe natural e medioambiental única.

Para o ano, máis e mellor: ao longo do verán ampliaremos e melloraremos a nosa programación, que remitiremos aos centros, a principios do mes de setembro, coincidindo co comezo do vindeiro curso escolar, mantendo a nosa habitual oferta para estudantes universitarios de diversas ramas do saber.

Neste senso, prácenos informarlles que a Casa do Patrón foi galardoada co 3º premio SICTED (Sistema integrado de calidade turística en destinos) do ano 2025 a nivel nacional, na modalidade de Servizo Turístico máis Competitivo, feito que acredita unha axeitada aplicación por este Museo das normas de calidade, ao longo dos 18 anos que levamos adheridos a este compromiso de calidade do Ministerio de Industria e Comercio, no que naturalmente están incluídos a atención de visitas guiadas e a execución dos múltiples obradoiros propostos cada ano para ao mundo do ensino.

Aínda que o noso amplísimo abano de demostracións, obradoiros, exposicións e estudos sobre a natureza, a arqueoloxía, a etnografía e a cultura da contorna está destinado, cunha total accesibilidade para todo tipo de público, cómpre lembrar que o eido do ensino, tanto infantil como xuvenil e universitario, constitúe un piar fundamental e un obxectivo prioritario da nosa actividade.

Tan só nos queda desexarlles unhas felices vacacións de verán a profesor@s e alumn@s, e lembrarlles que a Casa do Patrón, ante todo, sempre foi, é e será A casa d@s nen@s e moz@s galeg@s, na que tentamos achegar o noso pequeno gran de area para facilitarlles o coñecemento da xigantesca praia que constitúen as raíces e milenarias tradicións do noso pobo, tendo sempre presente que nas mans dest@s rapac@s está o futuro de Galicia.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents