Opinión | Campo de Granada

Medicina en Vigo

Ricardo Cao Abad, profesor de Estatística, presidente do comité de expertos de Acción Matemática contra o Coronavirus (2020), reitor da Coruña dende hai ano e medio, encabeza a reclamación dunha segunda facultade de Medicina para Galicia, implantada na súa Universidade. Cao considera que existe unha demanda social insatisfeita destes estudos e que a UDC ten capacidade e recursos suficientes para contar cun novo centro público para estas ensinanzas, utilizando o mesmo procedemento que levou á creación das facultades de Dereito e Informática, impartidas hoxe nas tres universidades.

O reitor coruñés reabre o debate sobre a ampliación das facultades de Medicina en Galicia, existente dende a segregación da Universidade de Santiago no curso 1989-1990 que, tras a aprobación da Lei 11/1989 de 20 de xullo de ordenación do sistema universitario de Galicia, supuxo a creación das universidades de Vigo e da Coruña, ao tempo que tras o acordo dunha comisión tripartita se implantou un mapa de titulacións das tres universidades en sete campus.

Xa dende aquel inicio as dúas novas universidades aspiraron a incorporar Medicina a súa oferta educativa, que quedaba en exclusiva para a USC, que impartía estas ensinanzas dende 1648 e no seu emblemático edificio dende 1928. Máis en concreto, en 2009 o alcalde de Vigo Abel Caballero, que gobernaba en coalición co BNG, reclamou abertamente a creación dunha segunda facultade de Medicina como a pata que lle faltaba á Universidade de Vigo, considerándoa «unha das grandes demandas da cidade». Petición á que se sumou o reitor da Universidade da Coruña que estimaba que abrir a facultade custaría 9 millóns de euros.

Hai dez anos abriuse de novo a polémica, pechada tras a sinatura do convenio do 30 de abril de 2015, entre os tres reitores e as consellarías de sanidade e de educación, polo que a Universidade de Santiago se responsabilizaría da planificación e organización dos estudos do grao de Medicina en Galicia, ao tempo que se establecían as regras de deslocalización das ensinanzas clínicas de 3º a 6º cursos nos hospitais do Sergas da Coruña e Vigo, a cargo do profesorado asociado de Ciencias da Saúde (PACS) das Universidades de Vigo e da Coruña.

Acordo vixente, polo tanto vinculante, que só foi implantado no chamado rotatorio de 6º, quedando sen explorar as súas posibilidades, semellantes ás do modelo formativo vasco ou madrileño, onde a docencia tanto a clínica como a académica é impartida nos hospitais públicos dende o 3º curso. Posibilidade que xa se contemplaba no proxecto orixinal do hospital de Vigo do goberno de Touriño, que contaba cunha unidade docente con seis aulas, unha biblioteca e un quirófano experimental, dotacións universitarias suprimidas no proxecto definitivo recortado polo goberno de Feijoo.

Acordo de 2015 que con criterio construtivo e lealdade institucional Manuel Reigosa, o actual reitor da Universidade de Vigo, propón actualizar e mellorar, ao fío da evolución e progreso da rede hospitalaría pública galega como das ensinanzas das tres universidades galegas e das 56 facultades de medicina existentes en España.

Avance na descentralización imprescindible e inevitable, como tamén o parece o incremento das prazas docentes do primeiro curso, que en 2025/2026 superan as 400. Deslocalización que debe ser iniciada, sen demora, nos tres vindeiros cursos e obriga á Xunta de Galicia a proporcionar os recursos necesarios para facela efectiva. Como as universidades de Vigo e da Coruña deben contar co profesorado acreditado suficiente (proceso complexo ao que non son alleas as presións dos colexios médicos e doutros lobbies) que, como o reitor vigués expresou, será necesario converter de asociado a vinculado, o que lle permitiría impartir tamén docencia teórica.

Avance sen volta posible na descentralización académica e clínica, que non supón renuncia ningunha da Universidade de Vigo a contar cunha facultade propia de Medicina, no marco do desenvolvemento estratéxico dun novo mapa de titulacións do Sistema Universitario Galego para o período 2025-2050. Mapa de titulacións no que se deberán pechar as obsoletas ou as duplicadas que perderon a súa razón de ser. Mapa no que se deben abrir outras titulacións que dean resposta as novas necesidades formativas, de investigación e transferencia, como ás demandas sociais e territoriais. Un novo mapa universitario galego que procure máis a cooperación ca competencia, a descentralización ca xerarquía centralizadora e procure a excelencia formativa e os intereses xerais sobre os corporativos.

Con eses criterios é moi probable que a descentralización dos estudos de Medicina reclamada polo reitor vigués sexa o embrión dunha futura facultade viguesa de Medicina con sede nun Cunqueiro ampliado. bretemas.gal

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents