Opinión | Segunda feira

Luces no Bierzo Galego

Antonio Fernández Morales naceu en Astorga pero el sempre se considerou do Cacabelos galegófono onde xace o seu corpo. A súa obra recibe un culto laico e radical na propia terra e en toda Galicia. Fernández Morales morreu, despois dunha vida política intensa, en 1896 no seo dun Partido Radical, de republicanismo teórico e práctico.

Participou na revolución de 1853, na Gloriosa de 1868, e celebrou a chegada da I República. Os seus «Ensaios poéticos en dialecto berciano» de 1861, son o segundo libro do Rexurdimento galego. Non podo dicir que non fose ben acollido na Galicia territorial e na Galicia administrativa, pero houbo quen lle puxo eivas. A partir de Anxo Angueira (A Trabe de Ouro, núm. 53, 2007) foron situados en lugar preferente do século XIX os poemas innovadores deste autor.

O historiador berciano José Antonio Balboa de Paz estudou o seu contexto político-literario, e a «Historia da Literatura Galega «de Xosé Ramón Pena (Xerais, Vigo, 2014) está terminando coa actitude displicente cara o escritor berciano. Resulta hoxe impreciso referirse como «costumismo» a toda ela. O impacto que pode producir Morales sería aproximadamente definido como expresionismo ou semellante ao tremendismo e ao esperpento do século XX. Por exemplo, no poema que Morales titula «O magosto» no que se dá a visión dunha rapañota de castañas con que a autoridade parroquial obsequia os famentos, dibúxanse unhas vellas sen dentes toleando polo alimento coma garduñas pilladas na garduñeira.

Estamos nun Bierzo convertido, aquí e acolá, en lugar de pesadelo ou alucinación. Nun dos mellores textos, titulado «Caza maior», o poeta transmite a estampa dun urso cando roubaba mel abrazado ao trobo das abellas e marchando a dous pés sobre as patas traseiras comicamente antropomorfo. Cando lle mete o home o coitelo, a boca do animal aberta en primeiro plano, en revoltallo de cuspe, lingua terrible e anegrazada, énchese de sangue e morre. Non é «entroido» senón un soño gratuito onde cada un pode ver os seus propios medos. Finalmente, aparece o ton elevado. No poema «A Dios», séntese a presenza do Gran Arquitecto sostida coa razón e o progreso material. Fose Morales, ou non, pedreiro libre ou francmasón ou rosacruz coma Gérard de Nerval, é un escritor galego que hai que ter en consideración. Coido que os escritores galegos orixinarios das terra Eo-Navia, o Bierzo, as Frieiras e as Ellas de Extremadura, deberían estar máis presentes do que están na vida cultural e no discurso político da Galicia enteira.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents