Opinión | Res Pública

Os fluxos migratorios: facelo ben

Galicia é, hoxe, un país rico. Non sempre foi así. No pasado, os galegos e galegas marchamos a Suíza, Francia ou Alemaña para facer os traballos que os residentes deses lugares non querían desenvolver. Ese esforzo persoal e familiar foi clave para a capitalización e o avance de Galicia. Grazas tamén a iso, hoxe somos un lugar ao que outras persoas veñen buscando o mesmo que nós procuramos noutro tempo: unha vida mellor.

Necesitamos a esas persoas. Porque agora, os galegos xa non queremos facernos cargo desas tarefas en sectores como a hostalería, a construción, os coidados ou o transporte. Sen as persoas migrantes, non contariamos con traballadores suficientes para que o país funcione. Ademais, hai competencias e habilidades que xa non dominamos. As empresas quéixanse da falta de certos perfís profesionais. Sen dúbida, isto debería levarnos a reflexionar sobre a importancia de apostar aínda máis pola FP, nomeadamente pola dual; e polas microcredenciais, que permitan reciclar perfís de traballadores que non atopan o seu sitio no mercado laboral. Mais tamén pola orientación dos fluxos de chegada. A miña percepción é que a Xunta ten claro todo o anterior. Do que se trata é de que o conxunto da sociedade galega tamén o teña.

Porque a integración das persoas migrantes pode facerse ben ou mal. Temos exemplos de países que erraron. En Galicia temos a oportunidade de facelo mellor: facilitar o aprendizaxe das nosas linguas, ofrecer formación profesional adaptada e axilizar a validación de títulos para que o capital humano que chega non se desaproveite. Asemade, a vivenda é un reto para a mocidade galega, pero tamén para quen chega de fóra e móvese perto do SMI. Temos que evitar que xurdan guetos e sociedades fracturadas. A nosa historia migrante debera axudarnos a empatizar e comprender a importancia e o valor do respecto mutuo e a integración harmoniosa.

Tracking Pixel Contents