Opinión
antón branco vilariño
Debater? Si, sempre
Pasoume hai tempo, nunha comida. Estabamos na sobremesa, ese momento lixeiro onde o cinturón se afrouxa e os esfínteres se relaxan, e un dos comensais comezou a acaparar a conversa alabando a Elon Musk. Gran empresario, audaz, ambicioso, rupturista. Comezou a asentarse un marmurio de desaprobación. Brazos encollidos, rictus contraídos, posición de defensa. Coma un kamikaze, interviñen para levar un pouco a contraria e darlle vida ao que vén despois dos licores. Ao final de todo fomos ficando sós. Pasado o balbordo chamáronme a atención: “Por que falas cun nazi?”, “Ti non ves que non se lle pode dar voz á extrema dereita?”. Eu respondín, cun suspiro de LK, que para comprender hai que escoitar e, ás veces, un chega á conclusión de que non sempre ten razón. Como di Diego S. Garrocho no seu libro Moderaditos: “A búsqueda da verdade, sexa esta o que sexa, so pode acometerse cando se está disposto a cambiar de opinión e incluso a abandonar os propios principios se estes se demostran falsos”.
No mes de abril CxL presentou unha moción pedindo a celebración dun pleno extraordinario para avaliar o estado do concello a metade de mandato. A proposta aprobouse por unanimidade. Ademais, voces do goberno local amosaban a súa disposición favorable a participar neste debate, algo que é moi positivo e que contrasta coas poucas ganas que teñen de ofrecer transparencia institucional.
O debate é unha ferramenta fantástica para que a cidadanía valore as propostas que hai enriba da mesa, tanto do goberno como da oposición. Primeiro, ofrécenos opcionalidade; a posibilidade de escoller entre varias alternativas. Despois, permítenos avaliar o desempeño e a validez das candidaturas; unha por ver como se manexan na exposición do seu proxecto e na discusión entre todas e outra, a máis subxectiva, por valorar o grao de aceptación que lle damos a unha idea segundo a forma, os tempos nos que se propón e quen o fai. Todo o mundo ten dereito a opinar, pero non todas as opinións son válidas, que lle escoitei dicir a José Antonio Marina.
Hoxe, en Lalín, hai máis dunha visión sobre cara onde debe ir o noso concello. Para saber cal é a opción que máis nos interesa ou que mellor nos representa temos que acudir a esta conversa. Cada partido deberá presentar unha perspectiva baseada na análise dos datos e na lectura da xente que sabe e ofrecernos unha visión sobre o Lalín que queren. Iso si, detrás disto agóchase sempre un elemento que impregna a política, o relato. Somos seres narrativos, vemos o mundo segundo a historia que fomos compoñendo na nosa cabeza ao longo dos anos. E é lóxico que así sexa, vivir nunha constante incertidume sería insoportable. A maiores, as ideoloxías fannos un favor, deixannos delegar a responsabilidade noutro lugar. Son un bo punto de partida dende o que construír a comunidade. Iso si, para confluír, obxectivo de toda empresa conxunta, creo que é necesario rebaixar o ton, deixar o camiño das faltas de respecto, evitar xogar no marco amigo-inimigo e non subirse ao carro da polarización. Somos adultos, entendemos que pode haber diferenzas pero estas non teñen porque ser irreconciliables. Eu non quero escoller entre amar e odiar. Tampouco quero unha enquidistancia servil. O quid reside en saber que facer en cada momento, hai veces que toca levantar a garda e outras soltar o gancho.
Por último, sería bo achegar o formato do debate ao pobo, incluso permitir a súa participación. Non estaría de máis sinalar unha serie de bloques temáticos que abrangan os temas máis relevantes do Lalín actual. Debater amplía o noso mundo, axúdanos a entender o diferente, incluso a achegarnos a aquilo que podiamos odiar ata hai nada. A mellor política é a que se senta a discutir, a que escoita e consegue acordos e avances. Non hai democracia boa sen diálogo.
- Muere un lucense de 78 años en la playa de A Lanzada
- Roban un coche en Vigo, lo empotran y el conductor, borracho y sin carné, se va a la terraza de un bar
- Evacuada en helicóptero una trabajadora atrapada por una mano en una máquina en Moraña
- Hallan el cuerpo de un niño ahogado en Pedras Miúdas tras dos horas de angustiosa búsqueda
- Bruselas certifica la prórroga ilegal de la AP-9, pero el Gobierno insistirá en apelar
- Organizan una despedida sobre ruedas para Brais, el joven motorista de O Rosal fallecido ayer
- Davila 17/07/2025
- La tragedia en Sevilla pone el foco de nuevo en la seguridad laboral: 'Nos quejábamos, pero nadie hacía nada