Opinión
Conversatorios
Cando era neno, un da cuadrilla íase moitas tardes á carreira. Ao preguntarlle pola súa fuxida dicíanos, xa de lonxe, que ía ao conservatorio. Metidos de cheo nos nosos xogos, non lle prestabamos moita atención ás súas explicacións. De feito, durante algún tempo eu cría que ía ao «conversatorio». Non sei se a confusión era polo meu mal oído ou a súa mala dicción, pero o caso é que me levou a pensar que era un sitio destinado a falar con alguén. Como un confesionario, pero sen ter que cantar pecados nin cargar con penitencias. Co tempo caín na conta de que ía aprender a tocar a guitarra, aínda que aparentemente non lle rendeu moito.
Quizais non saiban —eu non o sabía ata recentemente—, que os conservatorios reciben este nome pola súa orixe asociada a institucións de caridade que «conservaban» (coidaban) a nenos orfos ou en situación vulnerable, especialmente na Italia medieval. Neses lugares, ademais de recibir coidados básicos, ensinábaselles música. Co tempo, estes centros transformáronse en escolas musicais recoñecidas. Un moi loable orixe para estas casas de música.
Pero non é de notas musicais do que quería falarlles senón de palabras, e fareino volvendo aos «conversatorios». Nalgúns países de América Latina un conversatorio é unha mesa redonda, pero tamén unha reunión de persoas especialistas ou versadas nun tema ou unha reunión para falar de algo concreto. Pois ben, eu propóñolles que creemos os conversatorios destinados a falar entre humanos e sen intermediación de máquinas, xa que estas hai tempo que deixaron de ser inocentes e inocuas. Por suposto, non estou en contra de que as máquinas falen e nós con elas, ben ao contrario. Preocúpame, iso si, que xa case todo pase por elas e que poidamos chegar a caer nunha muda melancolía.
Estes conversatorios serían lugares nos que, sen présas, nos mirásemos antes de dicir algo e nos que antes de falar tamén habería que pensar. Lugares nos que as distancias e o respecto entre a xente nos permita falar sen levantar a voz. De feito, levantar é un verbo que a miúdo nos agride. Pensemos que, ademais da voz, podemos levantar sospeitas e ata a man, e que alzar bens faise para eludir pagar as débedas.
Serían lugares onde o silencio non incomode, senón que preceda a palabras sensatas. Onde calar sexa sempre mellor que dicir calquera cousa estúpida ou ferinte. Un lugar onde falar sirva para conquistar o compromiso do outro, non só o seu aplauso ou o seu voto. Un lugar onde se poida falar ata co condutor.
Son consciente de que propoño unha revolución. Ata é posible que se trate dunha rebelión que faría saltar polo aire a orde establecida para as máquinas, e cada vez máis por estas. Máquinas que nos falan, pero que non nos escoitan e ás que, con todo, nos diriximos con máis respecto que ao noso próximo. A este paso acabaremos concedéndolles máis dereitos que ás persoas.
Segundo o dicionario da RAE —non así no da RAG— conservatorio é tamén un adxectivo, aínda que en desuso, para indicar que contén e preserva cousas. Os conversatorios tamén o farían, pero preservando a palabra. E é que, como a Fito Páez, as palabras fannos falta, fannos falta —polo menos— cen millóns de palabras.
Suscríbete para seguir leyendo
- El empresario detenido por la UCO en Santiago es uno de los tres cabecillas de la red criminal que defraudó 69 millones
- El restaurante flotante de Roberto Vilar en Silgar
- Rescatan en Vigo a un hombre desaparecido que llevaba 11 días oculto entre rocas en Tombo do Gato
- Hachazo’ en las oposiciones de educación: eliminados en la primera prueba uno de cada diez aspirantes
- Multa de 10.000 euros y 3 meses sin licencia para el furtivo de los 800 kilos de pulpo
- Hosteleros divididos por la actitud de los peregrinos
- Turistas maleducados
- El pueblo costero de Galicia donde se come muy bien en primera línea de playa: «El refugio del fin del mundo»