Opinión | Voyager
A potencia das historias
A Feira do Libro de Madrid, o evento máis importante do sector literario en España, pecha hoxe a súa edición número 84. Dezasete días dun evento que este ano tivo no centro a Nova York. Cincocentas vinte casetas, unhas poucas de organismos oficiais e o resto repartidas entre librarías, as grandes protagonistas, e editoriais. Baixo o lema «Nueva York en español, la luz del otro lado del Atlántico», a feira puxo en valor voces como as de Federico García Lorca, Antonio Muñoz Molina ou Carmen Martín Gaite, que transitaron na vida e tamén nas súas obras as rúas da cidade que nunca dorme.
En palabras de Eva Orúe, directora da Feira do Libro de Madrid, «Nueva York ilumina la Feria y esa luz no permitirá leer esta ciudad en español». Confeso que sentín unha coitelada de envexa atravesándome, ao presenciar a reivindicación e sentimento de orgullo por unha lingua que se coloca no centro, como símbolo da grandeza dun territorio. Mentres, en Galicia, loitamos pola supervivencia da nosa, e aínda temos que explicar cuestións tan básicas como que a lingua é a identidade dun pobo.
O modelo de Feira do libro de Madrid funciona pola súa magnitude, porque se respecta a súa historia e porque mobiliza unha cantidade incontestable de público. Os datos de 2024 revelaban un volume de negocio que roza os once millóns de euros, con preto de seiscentos mil exemplares vendidos duns douscentos corenta e cinco mil títulos diferentes e unha afluencia que superou o millón de persoas. A Feira do Libro é punto de encontro para autoras, libreiros, editoras, pero tamén para o público, que é quen marca a diferenza entre o éxito e o fracaso. Unha feira sen visitantes non é unha feira, e isto é algo que cómpre ter presente. Este ano, os libreiros comentaban o momento brillante que está vivindo a fantasía e, concretamente, o subxénero de moda: o romantasy, esa mestura entre literatura romántica e fantasía que move a centos de miles de lectoras adolescentes, con autoras como Sara J. Maas, Rebecca Yarros ou Callie Hart á cabeza dos éxitos internacionais, e poñen sobre a mesa —unha vez máis— o irresoluble debate sobre a calidade.
Na outra cara da fantasía, vin despachar diante de min exemplares de Brandon Sanderson e lectores que buscaban con desesperación a última novela do británico Joe Abercrombie, esgotada desde hai días. Nesta voráxine de novidades e éxitos editoriais que copan as casetas da feira, tamén houbo tempo para outro tipo de recomendacións. Se nos gusta que nos conten historias, gústanos en todos os formatos.
«Xa viches ‘Sirat’?», preguntábame estes días alguén. «Prepárate, vaite esnaquizar». Acudín ao cine despois de escoitar bastantes entrevistas onde Óliver Laxe falaba do seu último filme dunha maneira absolutamente sedutora. Fun ver a película con demasiada información, mais ningunha delas era en verdade auténtica. Escoitara falar de catarse colectiva, da rave coma liberación, como espazo compartido das feridas individuais. A rave coma unha especie de mente colmea emocional: os corpos e os cerebros sentindo e expurgando ao mesmo tempo. Levaba razón a persoa que me advertiu que ‘Sirat’ ía pasar por riba de min, mais creo que hai momentos en que a propia película se estrulla a si mesma, coma se a potencia dos feitos fose de tal magnitude que a rebentase, emocionalmente falando.
Admiro o risco porque creo que este elemento é esencial para que un artista se configure como tal. Laxe é un artista e moldeou ‘Sirat’ de xeito que hai momentos en que non estás sentada na butaca dun cine, estás co corpo vibrando na hipnose dun espectáculo poderosísimo. Creo que isto é o que buscamos as persoas que precisamos para vivir: que nos sacudan ata a extenuación.
Suscríbete para seguir leyendo
- Una asociación pedirá anular judicialmente la concesión de la Medalla de Galicia a Leonor
- Muere un septuagenario de Moaña al caer del bote en el que pescaba frente a Meira
- Nuevo hito mundial de Cardiología del Chuvi: estrena técnica para la estenosis aórtica
- Atan, golpean y roban a un nonagenario mientras dormía en su casa de Coruxo
- El grupo de israelíes expulsado por un hostelero de Vigo: «Le dijimos que estaba manipulado por los medios, que no conoce la verdad»
- Detectan «barbaridades» en las embarcaciones de recreo
- Cola desde las 4:30 horas para lograr entradas para el concierto de The Black Keys en Castrelos
- Leo Caldas vuelve a la acción