Opinión | Segunda feira
Os curros e o tempo
Estamos en Turonio, Terra histórica e cultural de Galicia na que se sitúa Vigo. Turonio xace entre o Miño e a Ría de Vigo, cun dorso informe polo Oriente. Nas gándaras e montes de vexetación baixa que sobreviviron á furia forestalista pacen desde a Prehistoria cabalos ceibes que os seus donos vixilan durante o ano e congregan logo no curro no que son saneados, rapados, marcados os poldros e separados os adultos que se destinan á venda.
Sobre o cabalo galego no pasado e no presente escribiuse moito e eu manteño na memoria a obra de Manuel Cabada Castro sobre a Rapa das Bestas de Sabucedo. Debido á presión popular, a Xunta ten oficializada a raza dos nosos cabalos do monte, tamén chamados, ao modo arcaico, «burras». Hoxe é cabalo de Pura Raza Galega (PRG) e conta co seu libro de rexistro normalizado internacionalmente. Hai outros cabalos antigos de pouca alzada, coma o noso, en Europa e no mundo, pero ningún que asocie o ritual arcaico do curro tan masivamente coma o galego. Hai unha excepción en Dülmen no Munsterland alemán. Alí cada ano teñen lugar as operacións do curro a pleno aire nunha enorme «Arena» ou pista oval que recorda un circo romano. En Galicia non hai nada tan colosalista pero temos máis curros e máis cabalos. E por parte, tamén os cabalos de Oliveira, na entrada de Vigo, que agatuñan un outeiro imposíbel cara o ceo. Son un símbolo de Vigo, eses cabalos. E supoño que, onte mesmo, tiveron lugar varios curros en Galicia, e algúns deles na Terra de Turonio. Nestes non debeu de faltar algún xinete cuxa montura soubese desprazarse en «andadura». Este ar aprendido e non innnato do cabalo, alén de en Islandia e algunha outra zona de Europa e América Hispana, é moi aprezado e practicado en Galicia e N. de Portugal.
Cada vez que teño novas da Campionato Galego de Andadura, non podo esquecer a Carlomagno. Este emperador de Europa, segundo a tradición culta, gostaba de mover a súa mula ou o seu cabalo en paso de andadura ou marcha (en francés, amblure). Escoitemos cantar ao lonxe uns versos do Pelerinage de Charlemagne: »...Il brochet sa mul, si servi de l’ambleure». Sempre que vemos pasar polos montes de Galicia un xinete de caxato en alto, os pés ben postos na estribeira con baixos de pau, vennos á acordanza o Emperador cruzando Europe. Estamos en Galicia e temos gravados nos penedos e laxes homes a cabalo e cabalos soltos. Eles tamén están no fondo da memoria colectiva, se é que ela existe.
En recordo de Joaquín González Troncoso, autor, entre outras obras que se esqueceu de asinar (Castelao), de Nós, andadura.
Suscríbete para seguir leyendo
- El empresario detenido por la UCO en Santiago es uno de los tres cabecillas de la red criminal que defraudó 69 millones
- El restaurante flotante de Roberto Vilar en Silgar
- Rescatan en Vigo a un hombre desaparecido que llevaba 11 días oculto entre rocas en Tombo do Gato
- Hosteleros divididos por la actitud de los peregrinos
- Turistas maleducados
- El pueblo costero de Galicia donde se come muy bien en primera línea de playa: «El refugio del fin del mundo»
- Solo tres concellos de Galicia están «libres» de radón
- Las nuevas comandas: café con gato