Opinión

Ariadna Fernández

Que vivan os verdugos?

Non atopo outro amparo onde refuxiarme estes días mais que o feminismo. Ese que tratan de demonizar mentres outros demos andan soltos entre nós, a diario, sen esconderse, camiñando no medio dos pasos dunha sociedade que é capaz de diluír as súas miserias dentro do todo que nos ocupa. Os bos veciños, os bos fillos, os bos compañeiros de partida, os bos amigos e os malos en todo o resto que ninguén cuestiona. Do outro lado das portas da casa ou das oficinas, das pantallas dos móbiles, dos baño dun pub onde só estás ti e el, aí hai silencio se ti non falas.

Eses que se abrigan co traxe do poder onde a gravata trae consigo a presunción de inocencia que aperta unha vítima ate deixala sen aire. Eses que foxen do escándalo baixo o paraugas do machismo desgrazadamente aprendido dende o berce e que a cotío non sabemos que albergamos dentro. Eses que pretenden obrigar á lei a facerlle a xenuflexión igual que todos cantos os apoian e que veneran ao santo equivocado, afundindo máis na lama a quen os sufre con cada aplauso de eloxio e confianza. Deses diaños estamos a falar.

Estes demos arrastran ao inferno a calquera muller e, con cada unha delas á totalidade dun xénero onde a valentía, exista ou non, é obrigada e se da por suposta. Máis non queremos ser heroínas cada día novo, queremos simplemente ser, non queremos sobredemostrar nin combater, non queremos sentir vergoña nin agachar os ollos ao ver ou contar a realidade sentindo culpa desta, non queremos ser arrasadas sen poder dar un chío e acabar na pica da lanza, no xuízo público, no ollo do furacán, onde a forza centrífuga levará por diante todo o que coñecías ate ese momento.

Dese inferno escápase da man do feminismo, da man de todas as que loitamos e nos sustentamos, das que levantamos a voz para ser escoitadas e rexeitamos ser escravas. Desta vergoña que vivimos dende o goberno galego fúxese arrimada a quen esta semana soubo, por feminismo e dignidade, situarse detrás dunha vítima de agresión sexual obrigada a ser valente.

Só con respecto e apoio cara elas seremos quen de poñernos fronte aos demos e aos infernos herdeiros do machismo, tan só o feminismo nos fará avanzar.

Tracking Pixel Contents