Opinión

josé crespo

Adeus ao señor Modesto

Onte visitando o castro de Doade, acordeime do castro de Goiás e do señor Modesto que viveu alí ao ladiño, coma min, el en cotarelo e eu no Souto. Acordeime polas historias que contaba dos “mouros”, das trabes de ouro ou daquelas historias relacionadas cos castros da nosa zona. Xa estes días me contaron que a cousa non estaba moi ben, e hoxe o seu corpo miúdo de máis de 101 anos decidiu marchar para o máis aló cos seus contos e as súas vivencias. Sobre algunha das pegadas celtas do noso Concello, falamos onte del e empezábamos a despedilo pola súa delicada saúde.

Fora o último caseiro de Goiás e, como rezaba unha crónica dun xornal de maio de 2015. Nunca tivera coche nin cabalo, o que non lle impediu ter andado moito polas feiras, gabándose de telo feito. De esa etapa, quedoulle o don de xentes e o de ser un gran falador.

Modesto dicía que se dedicara toda a vida a arar, rozar, cavar e sachar a terra, o que non lle impediu chegar aos máis de 100 anos que celebramos hai pouco máis dun ano cunha festa no centro social de Goiás, na que moitos dos seus veciños lle transmitimos o noso agarimo. Modesto era un home de aldea, un home dos de antes. Se Neira Vilas escribise un libro sobre as Memorias dun home labrego, seguro que sería a historia de Modesto López. O Señor Modesto.

Hoxe, con el foise unha parte da memoria do noso Concello e das cousas que pasaron en Goiás e en Xaxán. A súa vida foron Cotarelo e Goiás, e as cousas que lembraba e contaba ían máis lonxe do que era a súa aldea porque era un home de trato agradable, moi boa xente e con moitas ganas de contar cousas e de falar con quen o quería escoitar.

Modesto será dende hoxe o caseiro dunha terriña no ceo que ten máis que merecida e na que seguro se sentará na porta a agardar a xente que vai chegando para lle contar moitas das historias que gardaba na súa cachola e que viviu durante máis dun século de esforzos. E seguirá tentando ter o burro que con tanto xenio lle pedía ao seu pai.

Ata sempre Modesto.

Tracking Pixel Contents