Opinión
Ariadna Fernández
Non hai por quen chamar
Nos apuros é onde se ven os amigos, onde se coñece a xente. Pero nas máis importantes, nas que o tempo conta en contra, onde ou apareces ou a cousa se complica realmente, aí entran en xogo os veciños.
Recordo chegar á casa con sete anos e estar todos na eira, en silencio, caras de arrepío. Fun calada a carón de miña nai, agarreina da man coa mochila aínda posta e ollei cara o camión dos bombeiros. Ardera un anaco bo, o anaco que tiña o piso de madeira, estaba todo denegrido e mollado… cheiraba moito a fume, pero non a fume da cociña de leña, a fume de queimarse unha chea de cousas de valor. O quentador da auga estaba no segundo piso, nunha esquina, pegado a unha ventá cunha cortina vella. Unha chispa prendeu na tea e queimou media casa, bo foi que non ardeu a nena, que era bebé daquela. En todo o malo sempre hai algo bo. O avó sacou a bombona da casa antes de que estourara e, mentres os bombeiros non chegaban, o noso veciño subiu cunha mangueira ao tellado e tratou de conter as chamas todo canto puido. Os veciños están nas máis apuradas.
Viven coma ti, no mesmo sitio ca ti, sachan na leira que linda coa túa, prenden o motor da muxideira media hora antes ou despois, empezan a ter os tomates e as xudías no mesmo tempo e festexan o mesmo santo. Están preto, máis preto que os amigos e as amigas, máis preto que a familia, igual deberan considerarse familia. A casa non ardeu máis do que o fixo porque Manuel axudou a apagar, os becerros saen mellor cando axudan a tirar nos partos complicados ás cinco da mañá e, se escapan as vacas, sempre hai quen se poña dun lado para encamiñalas. Por non falar das ocasións en que chega a ambulancia á aldea ou hai lume, ou nos enterros, que aínda son lei. Estamos.
Agora non queda moito a quen chamar, xa hai na comarca máis de 50 aldeas baleiras e 70 cun só habitante. Aquilo que soaba a lema preelectoral da «España baleirada» é máis evidente ca nunca na Galiza e deixou de ser unha frase feita para ser a realidade de moitos de nós, que botamos porta fóra e non hai con quen dar dúas palabras, nin boas, nin malas.
- El ave que se «come» a la velutina
- Entrar en los dobles grados de Matemáticas, Física e Ingeniería Informática, solo para alumnos sobresalientes: exige más de un 13
- Arrasado por un incendio un edificio en pleno centro de Pontevedra: «Creía que iba a explotar todo»
- La hostelería da una salida a los migrantes de Sanxenxo: «Es una satisfacción enorme ver cómo se abren camino»
- La Xunta dará bonos de 50 euros para comprar pescado a partir del 28 de julio
- Cuatro noches de música con Heredeiros da Crus y las orquestas Players y Los Magos en las Festas do Carme
- Vigo activa la venta de entradas para los conciertos de Castrelos: horarios, límites y consejos
- Se complica el fichaje de Bryan Zaragoza