Opinión | Segunda feira

Do urso noso

Ensinounos o sabio naturalista Víctor López Seoane (1834 -1900) que a especie cuxo nome científico é Ursus Arctos L. chámase en galego urso, aínda que sabemos que en Galicia se prefere a forma oso (con o pechado). Eu vin o urso por primeira vez no Campo dos Remedios, Ourense, que pasaba con grande pompa polo medio da feira. Levábao suxeito do fuciño un vello zíngaro do grupo dos Ursatori. A aquel urso chamábanlle Filipo. Bailaba o animal ao son dun pandeiro destemperado e grande. Parece que o urso galego foi reducindo a súa poboación e o seu hábitat case só a Devesa de Moelos (ou Muniellos) que comparten os municipios asturianos de Cangas de Narcea e o galegófono de Ibias. A Devesa de Moelos é unha grande concentración de carballos, faias, acivros, que nos transporta á selva europea primixenia. Estes vinte anos pasados (digo imprecisamente), o urso que é fera moi calcorra, foi visto por territorios do sur de Moelos. Voltou aos Ancares. Tamén reapareceu no Courel, onde conta o citado López Seoane (Fauna mastológica de Galicia, 1861-1863) que lle daban caza os veciños vestindo unha coroza reforzada con coiro. Acurraban o urso e deixábanse apreixar por el. Era entón cando o caurelao, que ía provisto dun chuzo ou pica adecuada, aproveitaba para procurar o corazón do urso e matalo. O Novoneyra informoume de que, nun faiado da súa casa de Parada de Moreda, aínda se gardaba algún chuzo dos usados para cazar o urso. En varias zonas do leste da provincia de Lugo seguen en pé os albares ou albarizas, que son coutadas de pedra que serven para protexer colmeas, trobos ou cortizos de abellas, cuxo mel perseguen os ursos. Mais ao sur e no concello de Lobios, arraiano con Portugal, tamén existen estas construcións que alí reciben o nome, ben explícito, de cortellos do oso. Parece que ultimamente o urso chegou á provincia de Zamora, non sei se para ficar, nas proximidades do Penedo dos Tres Reinos. E anda xa pola Serra de Montezinho. Entre o concello portugués das Caldas do Gerês e o galego de Lobios, pode ser visitado un magnífico bosque público semellante á Devesa de Moelos coa que comezamos esta bagatela. Tal fraga áchase so a protección do Parque Nacional da Peneda-Gerês e leva o nome tradicional de Mato Real. Como en Moelos, combínanse os carballos coas faias e alí estas se fan compridas debido a que unha terra moi vexetalizada corrixe a súa acidez, segundo explica Xosé Benito Reza. Unha inscrición na Portela de Homem en medio do Mato Real informa melancolicamente de que naquela fraga foi abatido o derradeiro urso portugués e máis unha data da segunda metade do s. XIX.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents