Opinión | Voyager
Sacar a lingua de paseo
Entre os meses de xullo e outubro do ano 1920, o semanario España publicou por entregas a primeira versión de Luces de Bohemia, de Ramón del Valle-Inclán. Unha sátira que presenta unha España degradada baixo a mirada do xenial Max Estrella, un poeta bohemio que emprende un periplo nocturno acompañado do seu amigo Don Latino. Valle-Inclán apostou por unha deformación da realidade poñendo o acento no máis grotesco, na sordidez, de tal xeito que existe unha caricaturización dos seus personaxes, que acaban movéndose nun plano que roza o absurdo. É coma se Valle-Inclán decidise facer un retrato a vista de paxaro onde deshumaniza aqueles que gobernan o país. Manéxaos con mestría deformando a realidade a través da comedia, para retratar a España dunha época.
Creo que existen tantas maneiras de facer política como xeitos de estar no mundo. Non me gustan as xeneralizacións, considero que denotan falta de profundidade, de coñecemento ou de ambas as dúas cousas. Frases como «todos os políticos son iguais» teñen a forza dun tópico. Están inseridas con tal forza que a poboación acaba repetíndoas por sistema, para cubrir un baleiro. Mais tampouco se pode negar que os representantes políticos —independentemente do partido en que militen— acadan en ocasións tales cotas de desmesura e sobreactuación, que a sensación que nos acompaña é a de sermos o público que asiste a unha representación teatral.
A palabra «esperpento», a corrente estética que Valle-Inclán escolleu como vía de expresión, é repetida unha e outra vez para definir as diversas escenas que nos ofrece a actualidade. Canto máis hiperbólica é a actuación dun dirixente, maior atención mediática. A noticia xira arredor do esperpento, búscao con ansia. Pregúntome con frecuencia canto é espontáneo e canto forma parte dun guión. Que actuacións están previamente deseñadas?
Mentres formulo esta pregunta penso na escena da presidenta da Comunidade de Madrid ao aire libre, vestida cunha chaqueta estilo militar diante dun bovino, solicitando ao goberno que activase o plan 3 de emerxencias para que o exército puidese preservar a orde a tarde do apagamento. Neste contexto o esperpento non é unha concepción literaria, é un xeito de facer política.
Mais como se fai esperpento do esperpento? Oxalá poder preguntarllo a Valle-Inclán. Non hai semana sen espectáculo teatral. Estes días foi a quenda (outra vez) das linguas cooficiais. Ayuso cumpriu a advertencia que fixera días atrás. Na Conferencia de Presidentes celebrada en Barcelona, a presidenta da Comunidade de Madrid levantouse e abandonou a reunión durante a comparecencia en éuscaro do lehendakari nun claro «ou en castelán ou en ningunha outra lingua». Ela usou o termo «español». Alegou que non ten sentido falar en «español» nos corredores e logo ter que usar intérpretes durante as reunións.
Mais resulta que neste Estado, en España, existe máis dunha lingua porque é, para a nosa fortuna, plurilingüe. Vivir alleos a esta realidade, reducir cada lingua ao seu territorio, provoca descoñecemento da realidade lingüística do propio país, illamento, incultura. Moitas veces, cando saio de Galicia, fago o exercicio de preguntarlles aos nenos e nenas de quinto e sexto de Primaria doutras partes de España se saben que linguas oficiais existen en Galicia. As respostas son impresionantes: inglés, portugués, catalán, francés, coruñés... Teño escoitado de todo. Existe un descoñecemento estarrecedor.
Por prender un facho de esperanza e contar tamén algo bonito, este pasado venres, unha alumna de primaria do CEIP Laredo, de Chapela, proclamouse vencedora da final celebrada na Feira do Libro de Madrid dun concurso de lectura en voz alta chamado «Pequenos Xigantes de lectura» onde participaron 1500 escolares de 200 centros educativos pertencentes a 9 comunidades autónomas. Ela era a única participante nunha lingua distinta do castelán. Candela brillou en galego grazas ao seu propio talento e ao traballo da comunidade educativa do CEIP Laredo.
Sacar a lingua a pasear, lucila con orgullo, mostrala, é un acto de amor, mais tamén de orgullo e, por que non, de pedagoxía. Se eu che ensino algo que ti non coñeces, estou compartindo sabedoría. Estou enriquecéndote. Isto é abrazar a diversidade.
Suscríbete para seguir leyendo
- José Abellán, cardiólogo: «Para saber si has descansado bien el indicador más fiable es cuando terminas de comer»
- «Le invitó a cocaína y lo violó»: ratificada la condena por agresión sexual y robo a un joven en un parking de Vigo
- Cuidado con el melón este verano: los expertos piden dejar de comerlo por este motivo
- El pueblo gallego que no tiene turismo: playas vírgenes y está declarado Conjunto Histórico-Artístico
- Alumnos sin disciplina que no se esfuerzan ni respetan al docente tensionan las aulas
- La calle donde mejor se come en España está en Galicia y tiene 80 bares en 150 metros según la revista Viajar
- Los narcos detenidos almacenaban la droga en el parking del Álvaro Cunqueiro de Vigo
- El consejo de José Manuel Felices, médico y profesor universitario, para dormir mejor: «No necesitas pastillas ni ASMR»